Inicio Galicia A Xunta de Galicia prevé un investimento de 11,2 millóns de euros...

A Xunta de Galicia prevé un investimento de 11,2 millóns de euros para solucionar as necesidades de atención primaria de Cangas e Moaña

0

A Consellería de Sanidade presentou o estudo de necesidades de atención primaria da poboación de Cangas e Moaña, nun acto que estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña

A Consellería de Sanidade presentou hoxe o Plan de necesidades de atención primaria da poboación de Cangas e Moaña, no que se prevé a dotación dun Centro Integral de Saúde e un centro de saúde, infraestruturas nas que investirá un total de 11,2 millóns de euros para solucionar as necesidades de atención primaria destes concellos. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta de Galicia da cidade olívica.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou que é a primeira vez que se fai unha planificación de atención primaria dunha comarca e solicitou a colaboración dos concellos para que, nun prazo de entre dous e tres anos, esta comarca poida dispoñer dunha nova atención primaria. Cómpre sinalar, así mesmo, que o Plan hoxe presentado dará solución, como mínimo, ás necesidades sanitarias destes dous concellos para os vindeiros 50 anos.

Estes dous novos dispositivos asistenciais anunciados por Almuiña producirán un notable incremento da superficie destinada a prestar asistencia sanitaria, que pasará dos actuais 5.531 metros cadrados a 8.786, o que supón un aumento de preto do 60%.

As futuras dotacións asistenciais previstas no Plan serán un novo Centro Integral de Saúde Cangas-Moaña, emprazado na zona canguesa de A Rúa, que suporá un investimento de 6,8 millóns de euros, para un total de 4.900 metros cadrados; e un novo centro de saúde en Moaña, emprazado en Sisalde, que suporá un orzamento de 4,3 millóns de euros, para unha superficie de 3.100 metros cadrados.

Para a construción destes dous centros é necesario que os concellos poñan a disposición do Sergas unha parcela de 7.000 metros cadrados (Centro Integral) e outra de 3.350 (centro de saúde). Ademais dos dous centros, prevense actuacións de mantemento e mellora en dispositivos existentes como son os de Aldán, Hío e Domaio. Con este investimento, o Sergas prevé dar á poboación un acceso a todos os servizos en tempos menores a 10 minutos, así como unha atención sanitaria continua os 365 días, ademais dunha maior confortabilidade e humanización dos espazos, melloras nos accesos, eliminación de barreiras arquitectónicas, maior dispoñibilidade de aparcamento e espazos adaptados aos pacientes pediátricos (sala de lactancia), así como espazos que garantan a intimidade dos pacientes durante a asistencia.

Carteira de servizosO Centro Integral de Saúde de Cangas e Moaña prevese que conte, na súa carteira de servizos, con urxencias de atención primaria con consultas, salas de observación, radioloxía dixital, laboratorio, telemedicina e unha base do 061. Disporá, tamén, dunha área integral de rehabilitación, con consultas de fisioterapia, cabinas de tratamento, ximnasio e unha sala para rehabilitación cardíaca. Terá, así mesmo, unha área de odontoloxía e saúde bucodental.

Outros servizos previstos dos que disporá o Centro Integral de Saúde de Cangas e Moaña será a área de atención á muller; a de farmacia, a de diagnóstico por imaxe e a de saúde mental. Tamén terá unha área integral de especialidades médicas, con consultas polivalentes de especialidades e salas de exploración.

Pola súa banda, o centro de saúde está previsto que inclúa, na súa carteira de servizos, medicina de familia, zona de enfermería, área de pediatría con telemedicina, sala de técnicas de cirurxía menor e sala de técnicas de alta resolución de enfermería e ecografía. Tamén prevese unha consulta para traballo social, para a matrona, ademais de fisioterapia e área de hospitalización a domicilio.

Ampla participaciónEste Plan de necesidades de atención primaria, hoxe presentado, contou cunha ampla participación de todos os profesionais das estruturas sanitarias implicadas (Xerencia de Xestión Integrada do Sergas de Vigo, Povisa e 061), así como coas administracións locais da área, asociacións de pacientes, ademais de doentes e usuarios (máis de 400 enquisas recibidas de usuarios).

Na metodoloxía e secuencia dos traballos contemplouse, no que atinxe ao Plan Funcional, unha primeira fase, na que se estableceron os criterios xerais e as estratexias que darán soporte á ordenación de recursos atendendo ás necesidades reais da poboación. Unha segunda, na que se examinou a situación de partida e se desenvolveu a previsión de actividade a curto e medio prazo; e unha terceira, na que se estableceron os criterios funcionais e de dimensionado cuxo uso permitiu definir os centros necesarios, as súas capacidades e a súa ordenación territorial. 


- Te recomendamos -