Inicio Galicia A Xunta de Galicia pon en valor o futuro xeoparque de Quiroga...

A Xunta de Galicia pon en valor o futuro xeoparque de Quiroga a través dun campo de traballo internacional

0

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, visitou hoxe aos 20 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que forman parte desta actividade enmarcada na Campaña de Verán 2018  


Quiroga (Lugo), 6 de xullo de 2018.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, pasou parte da xornada de hoxe cos participantes no campo de traballo internacional que se está a celebrar no municipio lucense de Quiroga organizado por este departamento autonómico dentro da Campaña de Verán 2018. Un grupo de 20 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos comparten experiencias desde o pasado día 1 e ata o vindeiro día 12 nesta contorna natural pertencente á Ribeira Sacra.

Cecilia Vázquez explicou que un dos obxectivos desta actividade é promover o futuro xeoparque de Quiroga, promovendo iniciativas difusión e xeoconservación que favoreza o desenvolvemento socioeconómico e cultural desta zona. De feito, os mozos e mozas traballan na limpeza e acondicionamento da Ruta da Encomenda, así como na creación dunha páxina web e unha ruta virtual onde se amosará a cartografía, a planimetría e o perfil da ruta con códigos QR xeolocalizados con información sobre a flora, a fauna e os puntos de interese. Tamén acometerán a posta en valor da Ponte do Rego Castelo e levarán a cabo tarefas de dinamización do xeoparque mediante a organización de xornadas divulgativas en Quiroga e nos concellos próximos. Así mesmo, tamén participan en accións complementarias como visitas ao museo xeolóxico e etnográfico de Quiroga, realizan diferentes rutas xeolóxicas e arqueolóxicas pola zona, e pasan tempo de ocio e lecer con actividades náuticas como kaiak e remo en táboa ou na piscina, entre outras.

A directora xeral de Xuventude destacou a importancia dos campos de traballo como ferramenta de educación non formal, xa que “engloban experiencias de participación, de voluntariado”. Ao respecto, engadiu que “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade e, neste caso, o noso privilexiado contorno mediaoambiental”.

Nesta liña, apuntou que “tamén promoven a participación e implicación da xuventude, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal, ademais de fomentar a mobilidade, pois ofrecen aos mozos a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades e países e viceversa”.

A través da Campaña de Verán 2018, os campos de traballo en Galicia pon a disposición 925 prazas nesta tempada estival para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutras rexións de España e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal India e México.

Galicia conta nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que os participantes realizan tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e labores propias da organización dun festival. Os campos de traballo forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9780 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel. 


- Te recomendamos -