Inicio Galicia A Xunta de Galicia mellora as condicións da Tarxeta Benvida para as...

A Xunta de Galicia mellora as condicións da Tarxeta Benvida para as familias adoptantes

0

O Diario Oficial de Galicia publicará mañá a modificación da orde que permitirá a aquelas familias con nenas ou nenos adoptados ou en situación de garda con fins adoptivos recibir esta axuda tendo en conta a data da resolución xudicial e non a do seu nacemento


A Consellería de Política Social publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha modificación da orde do 19 de decembro de 2017 que regula a concesión da Tarxeta Benvida para as familias con fillas e fillos nados ao longo deste ano 2018. Deste xeito, poderanse beneficiar desta axuda económica aquelas persoas que teñan nenos ou nenas adoptados ou en situación de garda con fins adoptivos desde a data da resolución xudicial e non dende a data do seu nacemento, que era como se viña facendo ata o de agora.

Así mesmo, esta nova medida terá carácter retroactivo para aquelas persoas que na anualidade de 2018 e con carácter previo á entrada en vigor da dita modificación constituísen unha adopción ou foran declaradas en situación de garda con fins adoptivos e sempre e cando presenten a súa solicitude no prazo de dous meses dende a publicación da dita modificación no DOG. Con esta iniciativa a Consellería de Política Social quere por en valor tanto a adopción como a garda con fins adoptivos como recursos de protección para aqueles menores que non contan cunha familia, así como para apoiar a aquelas persoas que lles proporcionan un fogar.

Este é o terceiro ano consecutivo no que se convoca esta orde de axudas. Unha convocatoria que inclúe outras novidades como a ampliación da Tarxeta ata que o neno ou nena cumpra tres anos para aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 euros durante o segundo ano de vida e ata que o neno ou nena cumpra tres anos nas seguintes contías: 600 euros ao ano, a razón de 50 euros ao mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro, 1200 euros ao ano (100 euros ao mes), se o fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo; e 2400 euros ao ano en caso de que o fillo que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

Así mesmo, outra das melloras introducidas este ano é a consideración das especiais circunstancias das persoas galegas que, residindo no exterior, decidan volver a Galicia durante o 2018, para que poidan optar á axuda. Deste xeito, se o seu fillo ou filla nace antes do retorno, gozarán dun prazo de dous meses desde o seu regreso para solicitar a axuda fronte ao prazo xeral de dous meses desde o nacemento ou ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos.

Cómpre destacar que no 2018 a Administración autonómica destina 35,9 millóns de euros para atender todas as solicitudes da Tarxeta Benvida que se reciban e que cumpran cos requisitos establecidos na orde. Tal e como amosan os datos da Consellería, ao longo dos dous anos de vixencia da Tarxeta, 30.035 nenos e nenas foron beneficiarios desta achega económica de 1200 euros que se aboa mediante unha tarxeta moedeiro durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla e coa que se busca contribuír a paliar os gastos da chegada dun novo membro ás familias galegas.

Programa de Apoio á NatalidadeA convocatoria da Tarxeta Benvida en 2016 supuxo a posta en marcha por primeira vez dunha axuda deste tipo en Galicia, a cal forma parte do Programa de Apoio á Natalidade (PAN), un proxecto global que persigue dar resposta ás necesidades das nais e pais galegos, garantir o benestar das familias e apoialas de xeito integral e continuo desde o primeiro momento. O PAN contempla tres grandes áreas de actuación: PAN- Axudas, PAN- Concilia e PAN- Servizos.

A través do PAN- Axudas, no que se enmarca a Tarxeta Benvida, a Xunta de Galicia quere contribuír a paliar o custo que leva aparellado a crianza dos fillos e fillas. O PAN- Axudas tamén contén outras medidas compatibles coa Tarxeta Benvida, como o incremento da dedución fiscal por nacemento ou adopción de fillos e fillas para contribuíntes cuxas rendas sexan iguais ou inferiores a 22.000 euros; a prestación de pagamento único por fillos e fillas menores de 3 anos para as persoas que non teñan a obrigación de presentar a declaración da renda; e a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo ou filla que acuda ao mesmo centro daquelas familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7500 euros anuais e aos menores en situación de acollemento familiar desde o curso 2014-2015.


- Te recomendamos -