O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, explicou hoxe no Parlamento o proceso de elaboración do Plan de dinamización da lectura, que se enmarca na Estratexia da Cultura Galega 2021
A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso de apoio ao sector do libro, con liñas de actuación que responden ao marco normativo establecido pola Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia. Entre as accións que se están a levar a cabo destacan o apoio á edición e á tradución a través de liñas de subvencións específicas, como as axudas para a adquisición de novidades editoriais en lingua galega, destinadas á Rede de bibliotecas públicas de Galicia, que se publica de xeito conxunto coas axudas para a mellora das coleccións bibliotecarias.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deu conta esta mañá en sede parlamentaria das principais liñas de actuación que o seu departamento está a implementar destinadas a “reforzar o papel do libro galego e aumentar o hábito lector entre a cidadanía; favorecer o crecemento da nosa industria editorial e impulsar a internacionalización do libro e da literatura galega”.
Anxo Lorenzo destacou accións como os investimentos no programa do fomento da lectura Ler conta moito, as Feiras do Libro de Galicia no campo da dinamización do comercio interior do libro ou a aposta pola internacionalización do sector editorial coa presenza nas feiras máis importantes do libro en Europa e América.
Para o secretario xeral de Cultura, a colaboración cos principais axentes do sector resulta fundamental para que estas medidas sexan eficaces. Con elas, apuntou, trátase de facer fronte ás dificultades do sector, como o perfil sociodemográfico de Galicia ou o novo paradigma dixital e a aparición dos operadores por Internet para a venda de libros.
Plan da lectura no marco da Estratexia da Cultura GalegaPara incrementar os índices de lectura afirmou que, a Estratexia da Cultura Galega 2021 incluirá un Plan específico de dinamización da lectura en Galicia, xunto con medidas destinadas ao conxunto do sector editorial, co obxectivo de “impulsar o libro como un elemento estratéxico de mercado e un piar central das industrias culturais galegas.”O secretario xeral anunciou para principios do mes de xuño unha nova reunión do grupo de traballo específico para a dinamización da lectura, creado ao abeiro do Consello Asesor do Libro e que está a elaborar propostas de actuación para avanzar no fomento do hábito lector entre a cidadanía. Estas propostas chegarán o vindeiro mes de xullo ao próximo Consello Asesor do Libro, para a súa valoración, e a versión definitiva será un dos documentos de partida do grupo de traballo da Estratexia da Cultura Galega dedicado ao libro.
- Te recomendamos -