Inicio Galicia A Xunta de Galicia destaca os beneficios para os pacientes e familiares...

A Xunta de Galicia destaca os beneficios para os pacientes e familiares da asistencia sanitaria nun ambiente cálido e humanizado

0

A proposta ‘Coidamos dos nenos, investigamos polos nenos’ está centrada na mellora da calidade de vida dos nenos e nenas ingresados no hospital e das súas familias


O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu hoxe como convidado á presentación do proxecto da obra social de Pediatría ‘Coidamos dos nenos, investigamos polos nenos’, que impulsa o servizo da área desta especialidade do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, tamén asistiu á posta de largo desta iniciativa centrada na mellora da calidade de vida dos pacientes máis pequenos e das súas familias.

Na súa intervención, o conselleiro salientou o carácter novidoso e necesario desta proposta, que ten como obxectivo fundamental “facer do hospital unha segunda casa para os nenos e nenas, cubrindo todas as necesidades asistenciais, emocionais, educativas e sociais destes pacientes tan vulnerables e, por extensión, as súas familias”. Nesta liña, puxo en valor a vocación e profesionalidade do persoal médico e sanitario do CHUS, así como a súa aposta por “ofrecer a máxima calidade tanto no aspecto clínico como no que atinxe á calidade humana da atención”.

Por último, Rey Varela felicitou aos responsables deste proxecto porque “procurar un ambiente o máis confortable, alegre e humanizado posible facilita que nenos e adultos se sintan cómodos nas dependencias do hospital, que confíen máis no persoal que os atende e afronten cunha actitude positiva a situación pola que atravesan”, concluíu. 


- Te recomendamos -