Inicio Galicia A Xunta de Galicia destaca a importancia das escolas de iniciativa social...

A Xunta de Galicia destaca a importancia das escolas de iniciativa social durante unha reunión con Afesín e Aseigais

0

A titular do departamento autonómico lembrou que este curso destináronse 3,4 millóns de euros ao mantemento de EPIS, o que supuxo un incremento do 13% nos últimos tres exercicios, e outros 600.000 a actuacións de reforma e adecuación destes centros


A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, mantivo hoxe en San Caetano unha reunión de coordinación con representantes da Asociación Galega de Escolas Infantís de Iniciativa Social (Aseigais) e da Asociación de Escolas Infantís de Ferrolterra (Afesín).

González destacou o importante papel que desenvolven as escolas de iniciativa social (EPIS) no fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, nas que se presta un servizo de calidade e cos mesmos prezos en atención educativa que os centros da rede galega de escolas infantís da Galiña Azul.

A titular do departamento autonómico lembrou que desde a creación da Consellería de Política Social, o apoio económico ás EPIS aumentou nun 13%, pasando dos algo máis de 3 millóns de euros en 2015 aos 3,4 no presente ano. Esta medida permitiu conceder este curso achegas a 48 centros e sustentar con fondos públicos máis de 2700 prazas en toda a xeografía galega.

Así mesmo, a Xunta incrementou un 9,5% o orzamento con respecto a 2017 da nova convocatoria de axudas para o mantemento das EPIS, ata alcanzar un montante global de 3.460.152 euros, que permite sufragar os gastos de persoal, de alimentación e outros gastos xerais de mantemento dos centros. Este ano, por segunda vez, concédese un anticipo do 80% da cantidade subvencionada a todas as entidades beneficiarias para garantirlles liquidez; e tamén se continúa coa xustificación de subvención mediante módulos introducidas na convocatoria de 2017 coa finalidade de simplificarlle ás entidades a xustificación da axuda e axilizar a súa xestión administrativa.

Por outra banda, a directora xeral fixo referencia ás actuacións de mellora destes centros de iniciativa social subvencionadas polo Executivo autonómico a través dunha liña de axudas dotada dun crédito de 600.000 euros cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Estas axudas son unha mostra máis do compromiso da Xunta coa calidade da atención educativa na primeira etapa da aprendizaxe, así como coa vontade de que as familias galegas dispoñan dos mellores recursos de conciliación para os seus fillos e fillas.

A Xunta tamén dirixe achegas económicas para obras de adecuación e mellora de escolas infantís e puntos de atención á infancia que dependen dos concellos cun investimento de algo máis de 1,3 millóns de euros, tamén cofinanciados en parte con fondos Feder.


- Te recomendamos -