Inicio Galicia A Xunta de Galicia abre o prazo de inscrición para participar na...

A Xunta de Galicia abre o prazo de inscrición para participar na iniciativa formativa Comunicación e turismo no rural

0

Trátase dunha actividade multidisciplinar para mozos e mozas que queiran compartir experiencias no sector da comunicación e innovación turística, coa intención de promover e estimular o turismo na Eurorrexión

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social ven de abrir o prazo de inscrición para a iniciativa formativa Comunicación e turismo no rural que se desenvolverá os días 20 e 21 de xuño no marco do proxecto Eurocidade 2020.

Trátase dunha actividade multidisciplinar para mozos e mozas que queiran compartir experiencias no sector da comunicación e innovación turística, coa intención de promover e estimular o turismo na Eurorrexión. A iniciativa ten como destinatarios a mozos e mozas galegos e portugueses con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos. As persoas interesadas poderán inscribirse na actividade ata o 14 de xuño a través do formulario electrónico dispoñible no portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O número de prazas ofertadas é de 25. O programa inclúe manutención e aloxamento para os mozos e mozas participantes, agás aloxamento para os residentes nos concellos de Verín e de Chaves.

Os obxectivos desta iniciativa son facilitar aos mozos/as participantes a súa orientación profesional e inserción laboral, ofrecéndolle apoio para a creación da súa propia empresa, para materializar un proxecto de emprego/empresa nos territorios de actuación, beneficiándose dos privilexios das zonas rurais; apoiar aos mozos e mozas a coñecer e valorar o territorio, para reforzar as súas señas de identidade e espertar o seu interese por asentarse profesionalmente no mesmo e contribuír ao seu desenvolvemento; impulsar a promoción de territorios rurais; e promover e estimular o turismo na EurorexiónO programa da actividades divídese en dúas partes. Por unha banda, unha parte teórica- práctica que se desenvolverá na sede da Eurocidade Chaves Verín (Feces de Abaixo- Concello de Verín) e, por outra banda, visitas a iniciativas emprendedoras en Galicia e no Norte de Portugal.

Proxecto Eurocidade 2020A iniciativa formativa Comunicación e turismo no rural é unha actividade enmarcada no proxecto A Eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de aproximación de Europa 2020 aos cidadáns (acrónimo Eurocidade 2020) aprobado ao abeiro do programa Interreg V a España Portugal 2014-2020 (POCTEP).

A entidade xefa de fila do proxecto é a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Eurocidade Chaves- Verín e como socios están a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, o Instituto Portugués do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesa (FNAJ), o Concello de Verín e a Cámara Municipal de Chaves.

O orzamento total do proxecto, cunha financiación dun 75 % de fondos Feder, ascende á cantidade de 1.775.405, 17 euros e estenderá a súa vixencia ata o 2019.

O principal obxectivo deste proxecto é dar cumprimento, en proximidade, aos obxectivos da estratexia Europa 2020, potenciando o historial da cooperación transfronteriza como elemento xerador de crecemento intelixente, inclusivo e sostible, a favor da mellora da calidade de vida dos cidadáns.

No marco deste proxecto, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, sen prexuízo das actividades que desenvolve en colaboración cos socios do proxecto, conta con dous recursos na sede da Eurocidade Chaves Verín a disposición de todos os mozos e mozas ao longo de todo o ano: a Oficina de Información xuvenil transfronteriza Galicia Norte de Portugal e o Local de ensaio.


- Te recomendamos -