Un dos participantes, que presenta unha discapacidade do 99%, é a primeira persoa que realiza o Camiño de Santiago nunha cama adaptada
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, deu a benvida esta mañá na Praza do Obradoiro á expedición da Asociación de personas con discapacidad (ANPEHI) e de Asprodeme que realizou o Camiño de Santiago desde Cádiz.
Dentro deste grupo de cinco persoas, atópase un mozo cun 99% de grao de discapacidade e que realizou o camiño nunha cama adaptada. Trátase dunha iniciativa pioneira xa que é a primeira persoa en percorrer os quilómetros que separan Cádiz de Santiago sobre unha cama. O grupo conta co apoio e colaboración dos equipos destas entidades, aos que se sumou unha terapeuta ocupacional que axudou ao mozo a completar o camiño.
A finalidade desta iniciativa foi dar visibilidade ás persoas con discapacidade, derribar todos os mitos que existen en torno á diversidade funcional e cumprir os soños daqueles que por diferentes razóns ven limitadas as súas capacidades. Rey Varela felicitou ao grupo pola consecución da Compostela ao tempo que destacou o esforzo do rapaz con discapacidade. “Sodes todo un exemplo para toda a sociedade e unha fiestra para amosar que as distintas capacidades que temos non son un atranco, senón unha oportunidade de amosar ao mundo que con esforzo e ganas de superación, todo é posible” engadiu o conselleiro.
A Xunta de Galicia comparte con estas entidades os obxectivos de mellorar a autonomía e autoestima das persoas con discapacidade e o deporte é unha boa ferramenta para conseguilo e para favorecer a inclusión social deste colectivo. É por elo que, desde a Consellería de Política Social, foméntanse actividades de lecer inclusivo a través das entidade e da propia administración autonómica.
Plan de accesibilidade turísticoA Xunta conta cun Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago, unha folla de ruta que aspira a converter Galicia nun referente do turismo inclusivo. O documento contén medidas para favorecer o acceso aos recursos turísticos da Comunidade a persoas con discapacidade e mobilidade reducida.
Entre os principais obxectivos do plan atópase a mellora do grao de accesibilidade da oferta e a inclusión do colectivo de persoas con diversidade funcional, ademais de situar Galicia como un destino de turismo accesible nacional e internacional. Contén, así mesmo, iniciativas para incrementar a formación e a sensibilización da poboación galega neste campo, outras dirixidas a proporcionar novas oportunidades de negocio ás empresas turísticas da nosa Comunidade e a establecer mecanismos para a xestión do turismo accesible.
A Xunta aspira a que sexa unha experiencia totalmente inclusiva e cuxa adaptación sirva de aliciente para o resto do sector turístico. Neste sentido, cómpre lembrar que a Rede Pública de Albergues dispón de habitacións e aseos adaptados, ademais de sinalización comprensible. O plan inclúe medidas para profundar nesta liña dispoñendo de información accesible en función das necesidades dos peregrinos.
- Te recomendamos -