Inicio Galicia A Xunta dá a benvida aos mozos e mozas europeos que participarán...

A Xunta dá a benvida aos mozos e mozas europeos que participarán en accións de voluntariado a través do programa Erasmus+

0

As 20 rapazas e 3 rapaces que participan nesta iniciativa proceden de 13 países, e aprenderán durante unha semana habilidades comunicativas e sociais que facilitarán a súa adaptación e favorecerán o coñecemento mutuo


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, reuniuse esta tarde no Parque do Pasatempo de Betanzos coa xente nova que participa no curso de formación á chegada do Servizo Voluntariado Europeo e Proxectos de Voluntariado. Esta acción, que congrega a un grupo de 23 persoas entre os 17 e os 30 anos procedentes de 13 países, enmárcase no programa Erasmus+: Xuventude en Acción que se está a desenvolver ao longo desta semana en Galicia.

En canto aos destinos de procedencia deste grupo de voluntariado -20 mozas e 3 mozos- indicar que 2 son de Alemaña, 3 de Austria, 1 de Dinamarca, 1 de Estonia, 1 de Francia, 2 de Holanda, 1 de Hungría, 3 de Italia, 3 de Letonia, 1 de Polonia, 2 de Rusia, 2 de Turquía e 1 de Ucraína. Destas 23 persoas participantes, 11 realizarán o seu proxecto de voluntariado en Galicia, 8 en Cantabria, 3 en Estremadura e 1 en Asturias; e as acción que levarán a cabo terán unha duración mínima de 2 semanas e máxima de 12 meses.

Así mesmo, as entidades galegas de acollida deste grupo de voluntariado europeo son: Asociación socio-educativa Educere (Lugo), Xeración Asociación Cultural (Narón), o Concello de Lousame, Escola de Tempo Libre Don Bosco (Santiago), Asociación recreativa e cultural Os Tilos (Teo), Asociación Cultural Ingalicia (A Coruña) e Asociación Limisi (Xinzo de Limia). Na xornada de hoxe, xunto coa responsable do departamento de Xuventude, realizaron unha vista guiada ao recinto do pasatempo de Betanzos da man dos mozos e mozas que están a realizar outra iniciativa de voluntariado consistente na posta en valor deste parque, a cal está promovida pola Agrupación xuvenil, socio-cultural, recreativa de deportiva Brigantium e conta co apoio económico da Administración autonómica.

O curso que estes mozos e mozas europeos completarán en Galicia, dunha semana de duración, ten como finalidade presentarlles o país de acollida, facilitando a súa adaptación ao novo contexto social e cultural. Ademais, esta formación á chegada será útil para que adquiran habilidades tanto comunicativas, incluídos aspectos de aprendizaxe intercultural; como habilidades sociais mínimas indispensables para a convivencia, a prevención de conflitos e a xestión de crise. Esta semana tamén servirá para que os participantes nesta experiencia poidan reflexionar sobre os obxectivos que poden cumprir durante o Servizo Voluntario Europeo, planificar o seu proceso de aprendizaxe, favorecer o coñecemento mutuo entre os voluntarios e comezar a construír redes.

Cómpre apuntar que esta formación á chegada enmárcase no Plan de Formación establecido pola Axencia Nacional Española do programa Erasmus+: Xuventude en Acción, no que se inclúen o Servizo Voluntario Europeo e os Proxectos de Voluntariado, axencia da que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado forma parte.

Durante este curso levaranse a cabo sesións informativas de formación lingüística, sociocultural, coñecemento do programa Erasmus+: Xuventude en Acción e do YouthPass; así como aprendizaxe intercultural, sobre a Unión Europea e a cidadanía europea, e sobre participación, entre outras materias. Desenvolveranse paneis de experiencias, diferentes obradoiros e actividades lúdicas.

Participación formación e aprendizaxeO Servizo Voluntario Europeo e os Proxectos de Voluntariado son unha acción incluída no programa europeo Erasmus+: Xuventude en Acción, dentro da liña estratéxica de mobilidade dos mozos e mozas. Ten como obxectivo principal impulsar a participación cidadá, desenvolver a solidariedade entre os máis novos, facilitar a relación con culturas diferentes e facilitar a aprendizaxe ou perfeccionamento doutros idiomas.

Neste sentido, Cecilia Vázquez subliñou que “a mobilidade da xuventude é importante para o seu desenvolvemento persoal e profesional, dado que reforza a comprensión intercultural e contribúe á ampliación dos seus horizontes”. Así mesmo, manifestou que esta mobilidade na formación pode reforzar entre a mocidade “a noción de cidadanía activa e a solidariedade, a comprensión dos seus dereitos e responsabilidades, así como o recoñecemento e respecto dos valores democráticos e da diversidade cultural, mediante a adquisición de capacidades necesarias para a vida”.

A directora xeral sinalou que nas dúas primeiras quendas deste ano 2018 foron aprobados en Galicia un total de 12 proxectos de Voluntariado e proxectos de Servizo Voluntario Europeo por un importe total de 208.654 euros e con 26 mozos e mozas europeos participantes. O programa Erasmus+ axuda á xente nova para que amplíe horizontes e tenda pontes tanto no continente como fora del. Entre 2014 e 2020, máis de 500.000 persoas terán adquirido experiencia e formación no estranxeiro mediante a súa participación neste programa.

Por último, Cecilia Vázquez lembrou que este ano comezou a súa andaina o Corpo Europeo de Solidariedade e que o vindeiro 16 de outubro rematará o prazo de presentación de proxectos para esta acción incluída no programa Erasmus+: Xuventude en Acción.

Posta en valor do parque do PasatempoOs mozos e mozas europeos que inician a súa formación de voluntariado en Galicia percorreron hoxe o Parque do Pasatempo nunha visita guiada realizada polos participantes no proxecto de voluntariado promovido pola agrupación Brigantium no marco da orde de axudas do programa Voluntariado Xuvenil da Xunta de Galicia.

Trátase dun proxecto cun orzamento aprobado de 4.800 euros no que participan un total de 8 persoas e cuxo obxectivo é promover e formar a un grupo de xente nova que apoien na revalorización e posta en valor do Parque do Pasatempo.


- Te recomendamos -