Inicio Galicia A Xunta convoca o 30 de agosto os titulares dos terreos afectados...

A Xunta convoca o 30 de agosto os titulares dos terreos afectados pola construción da senda entre o Covelo e Raxó, no concello de Poio, para formalizar as actas de ocupación

0

Os propietarios das fincas deberán achegarse á Casa Consistorial de Poio, entre as 9:30 e as 13:00 horas

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2018.- A Xunta convoca o 30 de agosto os titulares dos terreos afectados polas obras da senda peonil e ciclista na estrada PO-308, entre O Covelo e Raxó, para a formalización das actas de ocupación.

Os propietarios das fincas deberán achegarse á Casa Consistorial de Poio, entre as 9:30 e as 13:00 horas, tal como recolle hoxe o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Esta actuación adxudicouse recentemente por un investimento de 1,6 millóns de euros á empresa Civis Global e conta cun prazo de execución de 12 meses.

A intervención prevista ten por finalidade completar un itinerario seguro e sustentable entre a travesía de Samieira, en concreto, no punto de intersección co acceso á praias e ao porto de Covelo, ata o final da travesía de Raxó, onde conectará coas beirarrúas xa existentes en Dorrón. En total, serán 3,7 quilómetros de senda, entre o punto quilométrico 8+200 da estrada e o 11+890, completando as beirarrúas xa existentes nalgún dos treitos, e repartíndose entre 2,3 quilómetros pola marxe esquerda e 1,4 pola dereita.

Prevense actuacións complementarias coma a dotación de zonas de aparcadoiro onde o espazo o permite; a instalación de sistemas de recollida das augas de drenaxe necesarios; a extensión dunha capa de rodadura no tramo inicial da travesía de Raxó; a renovación da sinalización vertical e a recolocación da iluminación nos tramos precisos.

Trátase dun treito de estrada de características moi urbanas, con numerosas vivendas e actividade nas marxes da estrada, polo que a construción da senda, ademais de facilitar unha mobilidade sustentable, mellorará de forma moi notable a seguridade nos desprazamentos para os veciños e usuarios dos restaurantes da zona.

Esta senda forma parte do conxunto de actuacións programadas pola Xunta no marco do Plan de sendas de Galicia para a comarca do Salnés. A mesma enmárcanse no proxecto de fomento da mobilidade sustentable para o que a Xunta conta con financiamento europeo procedente do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Cómpre lembrar que a Xunta licitou o pasado 29 de xuño por máis de 1,5 millóns de euros as obras de mellora de seguridade viaria, na estrada PO-308 (Pontevedra–A Lanzada), entre o a intersección coa rúa de acceso ao peirao do Covelo e o miradoiro da Granxa, entre os concellos de Poio e Sanxenxo. Esta actuación e complementaria á desta senda, estando prevista a súa execución de forma simultánea, asegurando de este xeito a mellora integral deste tramo de estrada. 


- Te recomendamos -