Os propietarios de fincas afectadas situadas en Sanxenxo deberán achegarse á casa consistorial o día 18 de decembro, e os titulares de terreos situados no municipio de Poio terán que acudir ao seu concello os días 18 e 19 de decembro
A Xunta convoca para os vindeiros días 18 e 19 de decembro, en Poio, e o 18, en Sanxenxo, aos titulares de terreos necesarios para executar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada Pontevedra-A Lanzada (PO-308), para o pagamento dos depósitos previos.
Segundo vén de publicar hoxe a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade no boletín oficial da provincia de Pontevedra, os propietarios de fincas necesarias para executar as obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes entre os puntos quilométricos, 8+700 A 12+700, están citados en distintas quendas, nos seus respectivos municipios.
Os titulares de terreos situados en Sanxenxo deberán achegarse o día 18, ás 09.30 horas, á casa consistorial, na rúa consistorio nº4-6.
No caso dos propietarios dos terreos situados no termo municipal de Poio, os mesmos deberán achegarse os días 18 e 19 de decembro á casa consistorial, na praza do Mosteiro nº 1, seguindo a orde alfabética dos seus apelidos. Máis en concreto, o día 18 está citados os titulares dos terreos cuxos apelidos van desde AR á GS, desde as 11.20h ata as 14.00h, o resto dos convocados deberán presentarse o día 19, entre as 09.40 e as 14.00hLembrar que se trata dunha actuación adxudicada en máis de 1,2 millóns de euros, que se complementa de modo coordinado coa senda O Covelo – Raxó , cuxas obras están executándose.
As principais intervencións neste tramo consistirán na mellora das interseccións nas que se producen unha parte importante dos accidentes rexistrados nesta estrada, para o que se executará unha semiglorieta no acceso ao peirao do Covelo e unha glorieta na intersección coa PO-303 en Samieira, que permitirá calmar o tráfico e a realización dos xiros en condicións mais seguras, dado que a proximidade dun cambio de rasante fai que actualmente a visibilidade sexa reducida.
Esta intervención do departamento de Infraestruturas da Xunta prevé ademais a construción dun carril central na intersección co Camiño Salgueiral e o acceso á Praia de Laño, así como a execución dunha segunda glorieta para acceso ao porto de Raxó.
Os traballos incluirán tamén a mellora doutras interseccións, mediante a execución de cuñas de aceleración e desaceleración, para facilitar a incorporación e saída da estrada, executándose tamén pequenos tramos de sendas, complementarios á mellora das interseccións.
A actuación enmárcase na estratexia da Xunta para ter eliminados en 2020 os treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, ten como obxectivo incrementar a seguridade entre o acceso ao peirao do Covelo e o miradoiro da Granxa.
- Te recomendamos -