Inicio Galicia A Xunta completa a senda peonil de Orro que supuxo un investimento...

A Xunta completa a senda peonil de Orro que supuxo un investimento total de 150.000 euros

0

Ovidio Rodeiro e Santiago Freire, acompañados por varias concelleiras de Noia, supervisaron o remate das obras


O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde Noia, Santiago Freire e varias concelleiras de Noia, supervisaron o remate das obras da senda peonil de Orro. Tras unha primeira fase acometeuse unha segunda actuación para dotar de senda peonil á zona de Orro.

O obxectivo desta senda peonil foi habilitar un paso seguro para os viandantes no tramo da estrada comarcal AC-550 entre a rotonda de Orro – que enlaza coa variante de Noia- e o cruzamento coa vía que conduce ao Polígono de Augalevada. Esta segunda fase consistiu nun novo treito de beirarrúa aproveitando unhas obras de saneamento. Esta segunda fase tivo un custe de máis de 42.000 euros.

Completar a senda peonil tivo un custo total de 150.000 euros, dos que 100.000 foron aportados pola Consellería de Infraestruturas e Ordenación do Territorio e outros 50.000 polo concello, quen executou o muro necesario para a contención da senda aproveitando que se estaba acometendo unha obra hidráulica nese tramo. A nova actuación, do departamento que dirixe Ethel Vázquez, vai encamiñada a garantir a seguridade dos peóns.

Neste senso, Ovidio Rodeiro, destacou que “este tipo de actuacións inciden directamente na calidade de vida dos veciños porque apostan pola seguridade e pola integración na paisaxe dos itinerarios peonís e dan a posibilidade de optar por unha mobilidade máis saudable”.

O itinerario peonil de Noia está incluído no Plan de Sendas de Galicia, que prevé a construción dunha rede de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe. Para a execución destas sendas, a Xunta de Galicia conta co cofinanciamento de fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.


- Te recomendamos -