Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo, que mellorará o firme de catro estradas do entorno compostelán grazas a un investimento de 760.000 euros
A Axencia Galega de Infraestruturas comezou hoxe as obras de mellora na estrada AC-261, que une o concello de Boqueixón coa cidade de Santiago, a través dos barrios de Sar e Aríns. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o inicio dos traballos.
O proxecto permitirá estender nesta vía unha capa de 5 centímetros entre os quilómetros 3,5 e 6, o único treito que non contaba con este tipo de firme. Ademais, realizaranse outras actuacións de mellora e aumento da seguridade viaria, como a reposición da sinalización horizontal e vertical, a construción de novas gavias e a instalación de barreiras metálicas.
Esta iniciativa forma parte dun proxecto máis amplo que mellorará o firme de catro estradas do entorno de Santiago, xa que unha vez que rematen esta obra, a empresa adxudicataria tamén acometerá as actuacións de mellora do firme das estradas AC-841 de Pontevea (Teo) a Santiago, a AC-300 da Picaraña (Padrón) a Os Ánxeles (Brión) e a AC-308 entre Augasantas (Rois) e Lousame.
En total, estas actuacións contan cun orzamento de preto de 760.000 euros e un prazo de execución de seis meses. Ovidio Rodeiro destacou que a Xunta de Galicia, a través destes proxectos, persegue dous obxectivos, dunha banda lograr que a rehabilitación do firme permita prolongar a vida útil do pavimento destas estradas e, pola outra, incrementar a seguridade viaria para condutores e peóns.
- Te recomendamos -