O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, José Ángel Santos, participaron na presentación do plan de obras
A Consellería de Política Social colabora co Concello de Friol apoiando a reforma integral do centro social desta localidade, que será licitada nas vindeiras semanas.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, estivo hoxe na localidade para coñecer os detalles do proxecto acompañado do alcalde, José Ángel Santos. Balseiro destacou a relevancia da actuación, que “permitirá poñer a punto este espazo, que alberga multitude de servizos de apoio aos veciños e veciñas de Friol”.
O edificio conta cun salón de actos con capacidade para 300 persoas, é a sede da biblioteca municipal de Friol e alberga varias aulas destinadas a diferentes usos. O principal é a programación de actividades e prestación de servizos de carácter social dirixidos a diversos colectivos, como o de persoas maiores.
O proxecto contempla unha rehabilitación integral das tres plantas do edificio, inaugurado no ano 1997 no centro de Friol e que actualmente presenta numerosas deficiencias. Unha das principais accións que se pretenden é a eliminación das humidades que afectan á estrutura, mediante o illamento das paredes e a renovación da cuberta. A proposta inclúe unha reordenación do interior do inmoble para que sexa máis accesible, funcional e cómodo para as persoas usuarias.
Balseiro manifestou que o Goberno galego está comprometido cos concellos “para colaborar na mellora das infraestruturas e servizos máis próximos á cidadanía, co obxectivo de que todas as persoas teñan acceso a uns bos recursos con independencia do medio no que vivan”.
- Te recomendamos -