O permanente apoio do Goberno galego á cidade de Vigo no eido turístico inclúe unha subvención para a promoción e difusión desta importante celebración estival
Vigo, 15 de xullo de 2018.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participaron hoxe na misa en honra do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas, unha das citas destacadas desta celebración, que goza da declaración de Interese Turístico de Galicia e coa que o Goberno galego colabora a través da súa liña de apoio, promoción e difusión ás súas festas máis destacadas.
A colaboración da Xunta coa cidade de Vigo en materia turística plásmase en diferentes eidos, especialmente neste 2018 no que o Plan director do Camiño de Santiago centra os seus investimentos no Camiño Portugués da Costa e no Camiño Portugués, contribuíndo a mellorar a súas infraestruturas e o seu percorrido, cunha renovada sinalización.
Promoción, exposicións e músicaAdemais, hai programadas exposicións ou accións de dinamización musical e contacontos a través do programa de artes escénicas Vive o Camiño, que terá lugar durante os meses de xullo, agosto e setembro e que chegará á praza da Estrela de Vigo o 20 de agosto con Magín Blanco e Najla Shami Trío. Igualmente, no marco do festival O Son do Camiño, Vigo acollerá este ano un dos seis concertos que se celebrarán nas principais cidades galegas.
A provincia de Pontevedra, o Baixo Miño e a cidade de Vigo, coa candidatura a Patrimonio Mundial das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas, están moi presentes no labor de promoción do Goberno galego así como na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta acordada hai un ano entre a Xunta e o sector para consolidar a Comunidade como un destino de calidade e diferenciado, que aposta polos seus mellores recursos propios.
En conxunto, Galicia conta con 141 festas declaradas de interese turístico. Delas, nove son festas de Interese Turístico Internacional, 12 de Interese Nacional e 120 de Interese Galego.
- Te recomendamos -