A Administración autonómica financiará ao 50% varias actuacións urxentes no centro de saúde que ascenden a 39.930 euros
O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado pola Xerente de Xestión Integrada de Santiago-Barbanza, Eloína Núñez e pola Alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, visitaron esta mañá o Centro de Saúde de Boimorto para supervisar as necesidades de mantemento deste edificio que se acometerán grazas ao convenio de colaboración asinado entre o Goberno local e a Xunta, para financiar ao 50%, varias actuacións nesta localidade. As obras ascenderán a 39.930 euros (19.965 as asumirá a Xunta e outro tanto o Concello)A intervención no edificio consistirá na modernización e adecuación á normativa de accesibilidade dos baños do centro de saúde. Se demolerán os existentes para facelos totalmente novos e adaptados. Ademais, pintaranse as fachadas do edificio e substituirase o cadro eléctrico por un novo, no que se separen os consumos do centro de maiores dos do entro médico.
O delegado territorial destacou que con estas obras dáse un lavado de cara moi necesario a este centro de saúde. Neste senso, apuntou que “a mellora e modernización das infraestruturas en atención primaria é unha prioridade para a Xunta de Galicia. O Servizo Galego de Saúde traballa para poñer a disposición da cidadanía galega infraestruturas de calidade no lugar máis próximo ao paciente como é a atención primaria”.
Pola súa banda a xerente compostelá destacou a aposta da área sanitaria pola mellora constante da atención primaria, xa que son os profesionais dos centros de saúde os que mellor coñecen aos doentes. Así, desde a integración de atención primaria e hospitalaria deuse un impulso a coordinación ente niveis, coa normalización de ferramentas como a e-consulta o os sistemas de petición electrónica de probas diagnósticas desde primaria.“Agora mesmo xa estamos incluso nun paso máis alá, coa posta en marcha de programas como o Telea ou Activage, que permiten a monitorización do doente desde a súa casa, controlado polo seu médico de cabeceira desde o centro”, subliñou Núñez.
- Te recomendamos -