O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu no Parlamento para dar conta dos viaxes oficiais dos altos cargos da Administración galega ao exterior
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo indicou hoxe que a actividade dos membros do Goberno galego nas súas viaxes ao exterior estiveron centradas en continuar na procura de novos mercados, oportunidades de investimento, así como na defensa dos intereses galegos no novo marco financeiro da Unión Europea 2021-2027.
Jesús Gamallo compareceu hoxe na Cámara galega para informar en cumprimento do código ético institucional dos viaxes ao exterior dos altos cargos da Administración galega durante o segundo semestre do pasado ano.
Neste período, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non realizou ningún desprazamento oficial ao exterior, agásde dous desprazamentos a Portugal, logo da intensa axenda internacional desenvolvida durante o primeiro semestre deste ano, no que se desprazou a Israel, México e Bruxelas.
Neste segundo semestre, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda viaxou a Brasil e Perú entre o 8 e o 14 de novembro. No caso de Brasil estivo acompañado polo Secretario Xeral da Emigración, con quen visitou o Hospital Espanhol de Río de Janeiro, que presta asistencia sanitaria de maneira gratuíta aos residentes sen recursos e visitaron a Sociedade Recreio dos Anciaos, considerada un referente na atención socio sanitaria en Río de Janeiro, entidade benéfica que acolle temporal ou permanentemente á anciáns, de xeito gratuíto, dando prioridade aos galegos e españois necesitados. E mantiveron unha xuntanza de traballo co Cónsul Xeral de España en Río de Janeiro.
No que atinxe ao Perú, o vicepresidente mantivo unha xuntanza co ministro da Produción do país, na que trataron os proxectos que a cooperación galega está a desenvolver e mailo obxectivo de acometer unha intervención de carácter integral na baía de Sechura. Tamén se reuniu co Embaixador de España no Perú e co persoal no país da Oficina Técnica de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento. Posteriormente, visitou distintos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que se puxeron en marcha grazas á Cooperación Galega, en concreto varias iniciativas situadas na zona de Cuzco e centradas no sector agropecuario, e se promoveu unha iniciativa para o desenvolvemento dunha ruta agroalimentaria e gastronómica, co obxectivo de incorporar o turismo como unha actividade que contribúa ao dinamismo da economía do territorio beneficiario. Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia investiu desde 2010 máis de 4,3 millóns de euros en cooperación para o desenvolvemento no Perú.
Xa en Europa, o vicepresidente viaxou a Bruxelas o 25 e 26 de novembro, onde mantivo unha xuntanza co Embaixador Representante Permanente de España diante da UE, onde afondaron sobre as negociacións do Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 e sobre as consecuencias do Brexit. Posteriormente, o vicepresidente inaugurou o programa de especialización en financiamento europeo, TecEuropa, posto en marcha pola Fundación Galicia Europa para formar técnicos especializados na presentación de proxectos europeos, así como en consolidar redes de expertos na xestión dos fondos comunitarios, de cara a atraer financiamento adicional para as iniciativas galegas.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda viaxou o 9 de outubro a Luxemburgo onde participou no Consello de Ministros da UE na súa formación medioambiental, acompañando á Ministra de Transición Ecolóxica. Cómpre salientar neste punto o traballo realizado polas Comunidades Autónomas e os acordos acadados en materia de cambio climático, na protección e conservación da biodiversidade, na loita contra as especies exóticas invasoras e contra a contaminación terrestre e mariña. A conselleira tamén defendeu ante os representantes dos Estados da Unión a posición común autonómica en asuntos como o futuro regulamento comunitario sobre emisións para vehículos lixeiros e mailo convenio para a frear a perda de diversidade natural na UE. Esta tarefa proseguiu en Bruxelas o 20 de decembro.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria viaxou á República Popular China, concretamente a Xangai, do 6 ao 9 de novembro. O propósito da viaxe foi reforzar á misión comercial desprazada á primeira Feira Internacional da Importación de Xangai, xunto cunha delegación de catorce empresas galegas do sector agroalimentario. Alí foi acompañado polo Director Xeral do IGAPE, que se centrou no apoio a unha delegación da automoción galega, con representantes de CTAG (Centro Tecnolóxico da Automoción), estendendo a viaxe a Hangzhou e Pekín entre o 4 e o 11 de novembro. Así puido comprobar o desenvolvemento do sector en China e establecer contacto directo cos principais fabricantes de automóbiles e cos centros de ensaio, para ao cabo presentar as capacidades da industria galega. Esta visita constiueu unha oportunidade para que as nosas empresas sigan abríndose paso no mercado chinés, posicionando a Marca Galicia e o selo Galicia Calidade fóra das nosas fronteiras.
O conselleiro de Cultura e Turismo viaxou a París do 11 ao 14 de outubro, na compaña do Directora xeral do Patrimonio Cultural, onde mantivo unha reunión co Embaixador de España na UNESCO e visitou a Asociación Compostelle 2000. Tamén inaugurou a exposición Baldomero Pestana: La verdad entre las manos, no Instituto Cervantes da capital francesa. Posteriormente, do 1 ao 5 de decembro, viaxou a Xapón (Wakayama e Tokio), onde participou nos actos de celebración do vixésimo aniversario do irmandamento entre o Camiño Xacobeo e o Camiño Kumano.
A conselleira de Política Social viaxou entre o 6 e o 8 de decembro á Arxentina e ó Uruguai. Alí reuniuse co Embaixador de España na Arxentina, a quen trasladou a acción social da Xunta neste país e abordaron a situación actual da colectividade galega máis numerosa. Visitou o Centro Galego de Avellaneda, a máis antiga destas institucións na Arxentina, e o terceiro centro galego de toda América, onde se reuniu coa súa xunta directiva e ratificou o compromiso da Xunta de Galicia de garantir a atención residencial dos usuarios do Hogar Gallego para ancianos de Domselaar, en Bos Aires. Con posterioridade, a conselleira participou na celebración de fin de ano do Centro Pontevedrés de Montevideo, unha entidade sociocultural con 60 anos de historia.
A conselleira do Medio Rural asistiu o 16 de xullo á reunión do Consello de Ministros da UE na súa formación agrícola, en representación das Comunidades Autónomas, xunto co Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, onde defendeu os intereses dos gandeiros e agricultores diante da reforma da PAC. E o conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu tamén ó Consello da UE en Luxemburgo (do 14 ó 16 de outubro), Bruxelas (do 18 ó 20 de novembro) e novamente a Bruxelas entre o 16 e o 18 de decembro, onden indicou que Galicia creará un grupo de traballo multidisciplinar para definir e concretar as nosas achegas ao Plan estratéxico español da futura Política Agrícola Comunitaria (PAC).
Finalmente, a conselleira do Mar desprazouse a reunións do Consello da UE en Luxemburgo (14 a 16 de outubro), Bruxelas (18 a 20 de novembro) e novamente a Bruxelas (19 e 20 de decembro), aproveitando neste caso para asistir a un encontro co negociador europeo do Brexit, Michel Barnier, e incidir nos intereses galegos nas augas británicas. Asemade asistiu o 25 e 26 de outubro ao Salón Internacional da Innovación Alimentaria (SIAL) en París.
- Te recomendamos -