A Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza o I Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial o 28 de xuño no CIS Galicia, en Ferrol
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), celebra o vindeiro xoves 28 de xuño no CIS Galicia (Ferrol) o I Encontro de Deseño para a innovación empresarial. O evento, que terá lugar a véspera do Día Mundial do Deseño Industrial, contará coas intervencións de deseñadores galegos de traxectoria internacional con proxectos para Adidas, IKEA, Camper ou Swarovski. Ademais, empresas como Finsa, Castrosua, Televés, Formato Verde e TMC Cancela e os estudos de deseño FrutoDS e Cenlitrosmetrocadrado exporán as súas experiencias de éxito co deseño como ferramenta de innovación e competitividade.
O novo programa Deseño para a Innovación 2020, aprobado o pasado xoves no Consello da Xunta, conta cun investimento de 2,1 millóns de euros e ten tres obxectivos básicos: mellorar o coñecemento e comprensión do deseño como un factor estratéxico para a innovación e a competitividade empresarial que vai máis aló do seu valor estético; capacitar a empresas e emprendedores para que invistan en deseño e promovan a innovación en novos produtos, servizos, procesos e estratexias de negocio; e poñer en valor a figura do deseñador industrial como elemento clave na diferenciación das empresas. Así adoptaranse medidas como a creación dunha rede de axentes de deseño, a elaboración dun mapa de axudas e acción de formación e implementación nas empresas. Deste xeito, Galicia gañará en competitividade, grazas a compañías máis innovadoras e con persoal máis cualificado, para crear máis riqueza, emprego e calidade de vida.
O programa contempla entre as súas prioridades abrir canles de contacto entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, ademais de difundir casos de éxito e boas prácticas. Estes son os aspectos centrais do evento que terá lugar o xoves 28 de xuño no CIS Galicia, que acolle o encontro como entidade de referencia da Xunta no campo do deseño.
Este evento, organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), nace coa vocación de consolidarse con carácter anual no marco da nova estratexia da Xunta para promover o deseño en todas as súas vertentes (industrial, gráfico, de produto, organizacional, dixital e multimedia) como motor de innovación e competitividade para as empresas galegas, con especial atención ás pemes. Asistirán ao encontro deseñadores galegos de todos os ámbitos, estudantes desta especialidade e representantes de empresas e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación e competitividade nas súas organizacións.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través da web da Axencia Galega de Innovación (GAIN) na que tamén figura o programa coa información da iniciativa e os relatores que participan e o formulario de inscrición.
Programa e poñentesTras a apertura da xornada coa presentación de Deseño para a Innovación 2020, a cargo do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, os asistentes terán ocasión de coñecer as actuacións contempladas no programa.
A continuación, explicarase como se deseñou a imaxe do encontro da man do director da Fundación DIDAC, David Barro, e o deseñador gráfico e infografista, Álvaro Valiño, autor da mesma. Álvaro Valiño é un galego responsable de ilustracións de publicacións de prestixio internacional da talla de National Geographic ou Science, así como de pictogramas dos Xogos Olímpicos de Río, entre outros.
Posteriormente, os asistentes terán ocasión de coñecer as últimas tendencias no sector da man de deseñadores galegos con traxectoria internacional. Benjamín Castro, director de arte senior de Adidas Originals, exporá a súa experiencia como responsable de deseño de marca na multinacional. Pola súa banda, Tomás Alonso explicará os proxectos que realizou nos últimos anos para empresas como Camper, IKEA, Swarovski e Moormann. A estes uniranse os representantes dos estudos de deseño galegos FrutoDS e Cenlitrosmetrocadrado. Por parte do tecido empresarial, varias pemes exporán as súas experiencias máis exitosas de incorporación do deseño á súa estratexia de negocio: Castrosua, Finsa, TMC Cancela, Televés e Formato Verde.
Os relatorios compleméntanse cunha retrospectiva do deseñador Pepe Barro sobre casos de e?xito en firmas galegas que introduciron o desen?o no seu desenvolvemento empresarial e con espazos expositivos no CIS Galicia nos que se fará un percorrido por propostas que van desde os referentes históricos Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo ata creacións contemporáneas.
Ademais, os participantes terán ocasión de manter reunións bilaterais para cruzar ideas, necesidades e propostas entre deseñadores e empresas. A xornada poderá seguirse tamén a través do twitter co hashtag #EncontroDeseño18 e na conta do propio programa @InnovaDeseno.
- Te recomendamos -