O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, convidou aos lucenses a asistir a “un relato de historia e natureza” en torno ao monumento
A Xunta de Galicia celebrará o décimo oitavo aniversario da declaración por parte da Unesco da Muralla Romana de Lugo como Patrimonio da Humanidade cunha mesa redonda e unha exposición.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, convidou aos lucenses e visitantes a participar nos actos, que tamén se enmarcan na celebración -neste 2018- do Ano Europeo do Patrimonio Cultural e ofrecerán “un relato de historia e natureza” en torno ao monumento romano; desenvolveranse o sábado, día 1 de decembro, a partir das 11,30 horas.
A mesa redonda terá lugar no salón de actos da Delegación Territorial e contará coa participación de técnicos expertos nas distintas actuacións de rehabilitación que se levan a cabo no monumento.
Dado o carácter interdisciplinar das intervencións que a Consellería de Cultura e Turismo realiza na Muralla, nas que se combinan os traballos de conservación e restauración cos de carácter histórico e arqueolóxico así como os medioambientais, a Delegación Territorial propón unha mesa redonda na que participarán os principais responsables na execución destes proxectos e polo tanto os mellores coñecedores, a día de hoxe, do estado no que se atopa o monumento tanto a nivel de conservación como de investigación.
Así, os encargados de expoñer detalles sobre como se desenvolven os traballos, os obxectivos, problemas suscitados, resultados obtidos e as posibilidades e retos futuros serán José Ignacio López de Rego Uriarte, arquitecto e director das intervencións de conservación e restauración na Muralla; Celso Rodríguez Cao, arqueólogo director das intervencións arqueolóxicas; Elvira Díaz Vizcaino, profesora de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo e unha das responsables dos ensaios con bioherbicidas, e Marcos Otero Filgueiras, biólogo e responsable do estudo da fauna na Muralla.
Igualmente, o vestíbulo da Delegación acollerá unha exposición con paneis que describen de maneira gráfica as actuacións realizadas nos últimos anos e as propostas que se van desenvolver nos próximos meses.
- Te recomendamos -