A pontevedresa é a primeira provincia española non insular que acada esta condición, tras cumprir os estritos criterios establecidos na lexislación comunitaria
A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, amosa a súa satisfacción pola declaración de Pontevedra como provincia oficialmente indemne de tuberculose bovina conforme á normativa comunitaria, unha decisión adoptada hoxe na reunión en Bruxelas do Comité Permanente de Vexetais, Animais, Alimentos e Pensos (Comisión Europea). A decisión foi adoptada por unanimidade de todos os estados membros e entrará en vigor, formalmente, cando se publique no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), o que está previsto para o vindeiro mes de xaneiro.
A tuberculose animal é unha enfermidade infecto-contaxiosa crónica grave, orixinada por bacterias do complexo Mycobacterium tuberculosis. Ten unha gran importancia para a saúde pública no ámbito mundial, xa que afecta indistintamente aos animais e ás persoas.
Esta declaración ten, polo tanto, unha gran relevancia no contexto da saúde pública e da sanidade animal, e culmina o enorme esforzo material e humano levado a cabo pola Administración galega e polo sector produtivo de gando bovino durante máis de 25 anos de aplicación dos programas nacionais de erradicación, a través das campañas anuais de saneamento gandeiro. Nos anos noventa, en Pontevedra e en Galicia en xeral, máis do 16% dos rabaños estaban infectados de tuberculose. Nese momento, a erradicación da enfermidade parecía inviable debido ás deficiencias estruturais e de manexo existentes nas granxas, á reticencia de determinados gandeiros ao saneamento e á deficiente rastrexabilidade de animais e produtos.
O rigor técnico aplicado en Galicia nas sucesivas campañas anuais de saneamento foi unha peza clave para o seu éxito, sustentado na existencia dunha rastrexabilidade adecuada en explotacións e animais, no investimento económico en medios humanos e materiais e no decidido apoio do noso sector vacún. Os sacrificios obrigatorios das reses infectadas puideron levarse a cabo grazas á indemnización das explotacións afectadas (con tres liñas conxuntas de axudas na nosa Comunidade Autónoma). Outras medidas adecuadas tecnicamente como a realización de baleiros sanitarios nos rabaños infectados, o control dos pastos e a limpeza e desinfección das explotacións positivas foron decisivas para a constante diminución da persistencia do patóxeno nas nosas explotacións. A colaboración e participación do sector gandeiro foi básica para conseguir os obxectivos previstos.
Así, Pontevedra é a primeira provincia española non insular que acada este status, tras cumprir os estritos criterios establecidos na lexislación comunitaria, que implican que durante seis anos a porcentaxe de rabaños confirmados con presenza de micobacterias do complexo Mycobacterium tuberculosis non fora superior a 0,1% e que nese período o 99.9% dos rabaños existentes estiveran cualificados como oficialmente indemnes fronte a enfermidade, a máxima cualificación sanitaria.
Ademais, tamén se require que exista un sistema de identificación e trazabilidade obrigatoria de animais e explotacións, un exame post mortem de todos os bovinos e un cumprimento dos procedementos de suspensión e de retirada do status de rabaño oficialmente indemne de tuberculose.
Na actualidade a nosa Comunidade ten unha situación moi favorable en relación a esta enfermidade, cunha prevalencia do 0,02%, respecto á media nacional do 2,32% e aos valores de 12% ou superiores que acadan outros territorios do país. Se Galicia continúa na liña actual, a principios do ano 2021 poderíase solicitar á Comisión Europea o status de provincias oficialmente indemnes de tuberculose bovina para o resto de territorios provinciais da Comunidade Autónoma.
Consecuencias positivasA consecución deste status sanitario de máxima cualificación pode implicar para o sector gandeiro bovino galego unha situación privilexiada no mercado xeral de animais e os seus produtos, tanto a nivel nacional como internacional, pasando de ser Galicia unha rexión eminentemente importadora de animais bovinos a constituírse en netamente exportadora, debido á súa alta cualificación sanitaria, paralela ao seu alto nivel xenético e produtivo.
Agora máis ca nunca é moi importante que o sector gandeiro bovino sexa consciente do risco que implica, para toda a rexión, a compra de animais foráneos procedentes de áreas afectadas polas enfermidades anteriormente citadas. Por isto, os servizos veterinarios oficiais recomendan mellorar a bioseguridade das granxas e evitar, na medida do posible, calquera compra de animais, fomentando a recría das reses na propia explotación ou subministrándose de explotacións galegas, que contan cun elevado status sanitario. Esta declaración implica tamén unha menor presión directa nas probas anuais de saneamento gandeiro que se realizan nas explotacións gandeiras así como nos controis previos aos movementos dos animais.
Cómpre lembrar que Galicia xa foi declarada en 2013 rexión oficialmente indemne de brucelose causada por Brucella melitensis (brucelose ovina e cabrúa) e no 2017 acadou o status de oficialmente indemne de brucelose bovina.
- Te recomendamos -