Inicio Galicia A Xunta busca continuar incrementando as exportacións das empresas galegas a Brasil

A Xunta busca continuar incrementando as exportacións das empresas galegas a Brasil

0

Representantes do Igape reuníronse cunha delegación de empresarios do sector téxtil deste país, que visitan estes días Galicia co obxectivo de ampliar as relacións económicas


Representantes do Igape mantiveron unha entrevista de traballo cunha delegación de empresarios de Brasil que está a visitar Galicia estes días para avaliar novos proxectos na comunidade e mellorar as relacións económicas, nunha misión empresarial promovida polo Servizo de Apoio as Micro e Pequenas Empresas do estado brasileiro de Río Grande do Norte (SEBRAE).

A cónsul honoraria do Brasil en Galicia, María Montalvo, acompañou aos 19 empresarios e representantes de entidades do sector téxtil dese estado brasileiro, que, ademais de visitar varias empresas galegas do eido da moda para reforzar o intercambio económico, coñeceron de primeira man a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Así, durante o encontro, os responsables do Igape facilitaron información sobre as medidas desenvoltas ao abeiro desta iniciativa e que se concretan nos programas de axudas activos como o Galicia Exporta, o plan Foexga ou as bolsas de formación, que achegan ás pemes galegas información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento para a entrada neles, e formación e especialización de recursos humanos.

Ademais, salientaron a boa marcha das exportacións das empresas galegas a Brasil que, ata agosto deste ano, acadaron os 90,4 millóns de euros, un 18,5% máis que en todo 2017, cando superaron os 76,2 millóns de euros. En canto ao sector galego da moda, a súa evolución tamén é positiva: as vendas a este país medraron un 117,5% no mesmo período, situándose por riba dos 11,5 millóns de euros.

O mesmo comportamento mostran as exportacións a Brasil dos produtos industriais e tecnolóxicos realizados en Galicia, que confirman a evolución dos últimos anos, acadando o pasado mes de agosto os 73,6 millóns de euros, máis dun 16% ca en 2017. Nese eido, destacan os incrementos das vendas de equipos de protección e seguridade laboral, máis do 500%, e dos vinculados ao medio ambiente e a produción enerxética, que supera o 230%.

A Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, posta en marcha en 2015, promove o fomento da cultura de internacionalización, o incremento da presenza das pemes en mercados internacionais, a atracción de investimentos, a consolidación da imaxe de Galicia no exterior e a unidade de acción de axentes, pemes e entidades financeiras. 


- Te recomendamos -