Hoxe comezan as horas extras dos funcionarios nos xulgados do Penal, nos de Instrución das sete cidades, nos de Menores, nos de Vixilancia Penitenciaria e nas seccións penais das Audiencias Provinciais
A Xunta de Galicia bota a andar hoxe unha nova etapa do plan de recuperación da xustiza e esténdea a tódolos xulgados galegos. Trala primeira fase de xuño e xullo e o do inicio da segunda fase en outubro, o plan abre agora unha nova etapa. Así quedou referendado na comisión de seguimento que analiza o acordo alcanzado trala folga e na que participan a Administración autonómica e os sindicatos asinantes.
Así, hoxe comezan as horas extras dos funcionarios nos xulgados do Penal, nos de Instrución das sete cidades, nos de Menores, nos de Vixilancia Penitenciaria e nas seccións penais das Audiencias Provinciais. Así mesmo, repiten a súa participación as Fiscalías de toda Galicia.
O día 19 sumaranse os xulgados mixtos das vilas galegas, tódolos xulgados do Contencioso, tódolos xulgados de Paz e as oficinas de Atención ao Cidadán. Repiten os servizos que entraron na primeira fase de xuño e xullo: Imelga, Rexistros Civís Exclusivos, Notificacións, oficinas de decanato e de rexistro e reparto.
Por último, o día 26 deste mes incorporaranse as seccións civís das Audiencias Provinciais e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Ademais, compre salientar que o plan de recuperación continuará nos xulgados de Familia de toda Galicia, nos de Violencia de Xénero de A Coruña e Vigo e nos especializados en cláusulas chan, onde xa se viña desenvolvendo.
- Te recomendamos -