Inicio Galicia A Xunta avoga por avanzar na mellora do benestar, autonomía e a...

A Xunta avoga por avanzar na mellora do benestar, autonomía e a integración das persoas con esclerose múltiple

0

Auméntanse os recursos dirixidos aos dependentes e ás persoas con diferentes capacidades, o que permitirá chegar este ano aos 60.000 galegos e galegas con plans individuais de atención pública


O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, avogou por avanzar na mellora do benestar, a autonomía e a integración das persoas con esclerose múltiple. Fíxoo esta tarde durante a súa intervención no II Foro de Esclerose Múltiple organizado pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (Fegadem) e que se celebrou nas instalacións do edificio Cersia.

Ildefonso de la Campa salientou que a Xunta de Galicia “está a facer esforzos constantes para mellorar a calidade de vida, a atención pública e a visibilización da situación das persoas con esta enfermidade”. Neste sentido, recordou que a Administración autonómica segue a aumentar os recursos dirixidos á dependencia, o que permitirá cumprir este ano o compromiso de dar atención a 60.000 galegos e galegas dependentes.

O director xeral de Maiores e Persoas con Dicapacidade felicitou a Fegadem por levar a cabo este foro por segundo ano consecutivo, dirixido tanto a persoas afectadas de esclerose múltiple como a profesionais do ámbito. Unha iniciativa que ten por finalidade ser un punto de encontro e de debate sobre os avances nos últimos anos neste eido, así como tamén ser un espazo para dar visibilidade, concienciar e sensibilizar ao respecto desta patoloxía. Ademais disto, destacou que esta fundación “é un exemplo claro do que supón xerar un círculo virtuoso de traballo coordinado entre as administracións públicas e o terceiro sector”.

Así mesmo, Ildefonso de la Campa animou a Fegadem a trasladarlle as conclusións do foro e comprometeuse a estudar a forma de manter e fortalecer as políticas públicas que axuden a mellorar a calidade de vida, a autonomía, a integración e visibilización social das persoas con esclerose múltiple.


- Te recomendamos -