O responsable autonómico destaca a importancia de prestar unha atención integral para promover o desenvolvemento dunha vida plena
O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, avogou hoxe pola necesidade de seguir avanzando na coordinación socio-sanitaria para dar unha atención integral ás persoas afectadas de lupus. Así o sinalou durante o acto de clausura do XVII Congreso nacional sobre esta enfermidade que se celebrou no teatro Colón da Coruña, e que reuniu a profesionais e expertos nos ámbitos médico e científico.
Arturo Parrado abordou na súa intervención o eixe social que ten esta doenza que, ao igual que outras de carácter crónico, diminúe a calidade de vida das persoas que a sofren podendo producir alteracións nas súas relacións familiares, sociais ou nas actividades de lecer. Así, apuntou que “un dos obxectivos dos servizos sociais é atallar factores de risco como o illamento social, limitación da autonomía persoal e apoios á dependencia, e apoio á renda para a cobertura de necesidades básicas ou doutro carácter”.
Por último, o responsable das políticas autonómicas de inclusión insistiu en que o persoal que atende os servizos e recursos sociais “traballa en coordinación con outros ámbitos, como o sanitario, e cun enfoque integral orientado á persoa na procura de compensar as desvantaxes e promover o desenvolvemento dunha vida equiparable ao resto das persoas que non os teñen”.
- Te recomendamos -