Inicio Galicia A Xunta avoga en Europa polo fomento do benestar infantil a través...

A Xunta avoga en Europa polo fomento do benestar infantil a través de políticas integrais de apoio á primeira infancia

0

O responsable da área Social do Goberno galego, que representou nesta xuntanza ao resto das autonomías, defendeu esta ferramenta como vía para reducir a pobreza e promover a inclusión social

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, aposta por intensificar as políticas integradas de desenvolvemento da primeira infancia como ferramenta para reducir a pobreza e promover a inclusión social. Así o afirmou, en representación das comunidades autónomas, durante a súa intervención na xuntanza do Consello da Unión Europea para a área de Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores (Epsco), que reúne aos responsables ministeriais destes ámbitos de todos os estados membros.

Rey Varela explicou que, investir no desenvolvemento da primeira infancia é moi importante, porque fomentar o benestar infantil é un factor de prevención clave que ademais de redundar nunha plena calidade de vida dos nenos, nenas e adolescentes, axuda a paliar posibles gastos futuros destinados a combater as consecuencias dos déficits que non se abordaron nas primeiras etapas da vida, como trastornos do desenvolvemento ou falta de formación entre outros.

Neste contexto, Rey Varela afirmou que “o acceso a unha educación e atención de calidade na primeira infancia senta as bases para o desenvolvemento futuro de habilidades e destrezas e facilítalles aos nenos e nenas alcanzar o seu máximo potencial”.

Así, Rey Varela afirmou que debe priorizarse o impulso de programas que reforcen medidas de incorporación familiar para menores atendidos polos sistemas de protección, así como a atención a menores non acompañados chegados nos recentes movementos migratorios.

Cómpre destacar que o cadro de indicadores sociais que mide a aplicación dos principios recollidos no Piar europeo de dereitos sociais, amosa que España está por riba da media europea en canto a atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos en escolas infantís. Así mesmo, indica que o crecemento económico e do emprego, axudaron a reducir os niveis de desigualdade de ingresos e a porcentaxe de persoas en risco de pobreza e exclusión, aínda que seguen a ser datos elevados.“O desenvolvemento do Piar europeo de dereitos sociais reforzará os dereitos da infancia e, na medida en que contribúa a mellorar a conciliación da vida familiar e profesional, actuará como ferramenta para detectar e previr posibles problemas nas distintas etapas evolutivas de nenos e nenas e facilitará a participación no mercado laboral de pais e nais”, asegurou Rey Varela. O Fondo Social Europeo xoga un papel fundamental para abordar estas dimensións, potenciando a inserción sociolaboral dos proxenitores en situación ou risco de exclusión social.

O conselleiro de Política Social rematou a súa intervención asegurando que a aplicación das conclusións trasladadas hoxe, “favorecerá o crecemento dunha sociedade máis igualitaria, xusta e inclusiva e, en consecuencia, máis forte e cohesionada”.

ConciliaciónJosé Manuel Rey Varela tamén quixo poñer en valor a directiva sobre conciliación da vida familiar e laboral na que está a traballar o Consello. Un instrumento no que o fomento de programas de inclusión social e a participación no mercado laboral de nais e pais, a prestación de asistencia financieira e o acceso a servizos ten unha gran importancia.

Nesta liña, o conselleiro sinalou que unhas políticas nacionais adecuadas de conciliación entre a vida profesional e a vida privada, como o permiso por maternidade ou paternidade e as fórmulas de traballo flexibles, tamén poden apoiar a participación de ambos proxenitores no mercado laboral, así como fomentar un reparto máis equitativo das responsabilidades familiares entre nais e pais. E, ao fío, lembrou que a dispoñibilidade e a accesibilidade dos servizos de educación e coidados da primeira infancia de calidade facilita aos proxenitores a conciliación da vida profesional e as responsabilidades asistenciais, o mantemento dun emprego remunerado ou a reincorporación a el, aspectos importantes para o benestar e o desenvolvemento infantil.

Participación de Galicia no Consello da EPSCOEsta é a cuarta vez que a Comunidade Autónoma de Galicia coordina a participación autonómica no Consello de Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores. Así, durante o primeiro semestre do ano, e coincidindo coa Presidencia búlgara da UE, Galicia está a participar a nivel técnico no Grupo de Asuntos Sociais e, no plano político, nas dúas reunións ministeriais previstas. A conciliación entre a vida laboral e familiar ou o desenvolvemento infantil temperá son algunhas das cuestións que se están a abordar durante este tempo.


- Te recomendamos -