Membros do Observatorio da Vivenda de Galicia reuníronse para coñecer e analizar o borrador do documento, elaborado conxuntamente ao longo deste ano polo Instituto Tecnolóxico de Galicia e o Instituto Galego da Vivenda e Solo
A Xunta de Galicia está a ultimar a guía de recomendacións para mitigar a exposición ao gas radón en vivendas xa construídas. Con este obxectivo, a sección Técnica e de Calidade do Observatorio da Vivenda de Galicia vén de reunirse para coñecer de primeira man o borrador do documento e terá a oportunidade agora de facer as súas observacións e comentarios ao mesmo.
Unha vez recibidas as achegas dos membros da sección, integrada por arquitectos e aparelladores, redactarase o texto definitivo da guía, que será elevado para a súa aprobación ao Consello do Observatorio da Vivenda de Galicia, un instrumento creado pola Xunta para facilitar a participación de todos os axentes implicados neste sector.
Cómpre lembrar que o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), en colaboración cos técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, empezaron a traballar este mesmo ano nesta guía de recomendacións de mitigación da exposición ao gas radón en vivendas existentes.
O obxectivo do documento é achegar tanto aos propietarios como aos técnicos encargados de redactar proxectos de actuacións de mitigación nas vivendas afectadas a información básica para determinar se existe risco de exposición nas súas propiedades e as medidas a executar para cuantificar este risco. Tamén inclúe información sobre o abano e o custo estimado das medidas que se poden adoptar, sempre baixo o asesoramento de profesionais especializados, para reducir a presencia deste gas, presente de forma natural en solos graníticos.
A guía tamén pretende servir de apoio aos técnicos para analizar as vantaxes e inconvenientes das distintas medidas de mitigación e poder optar por aquelas que sexan máis adecuadas para reducir a niveis aceptables a exposición ao radón, en función das circunstancias específicas de cada vivenda.
Por último, cómpre lembrar que polo que respecta aos inmobles de nova construción, a modificación do código técnico que actualmente está a tramitar o Ministerio de Fomento, xa contempla a inclusión dun novo apartado específico no documento básico de salubridade que regula as medidas que se deberán adoptar para evitar o risco de exposición fronte ao radón. Por este motivo, as vivendas novas non son obxecto desta guía.
- Te recomendamos -