Inicio Galicia A Xunta avanza na reapertura do centro específico terapéutico para menores Montealegre...

A Xunta avanza na reapertura do centro específico terapéutico para menores Montealegre coa proposta de adxudicación da mesa técnica de contratación

0

Este novo recurso conta con 24 prazas e responde ás necesidades daqueles menores baixo a tutela ou garda da Administración autonómica que requiren coidados específicos no eido terapéutico ou que os axude no tratamento, intervención e mellora dos trastornos de conducta que presentan

A Xunta de Galicia proporá a adxudicación da xestión do centro de menores Montealegre de Ourense á entidade de iniciativa social Diagrama, que resultou a que recibiu a maior puntuación por parte da mesa técnica de contratación no proceso aberto convocado pola Consellería de Política Social. O regreso á actividade deste complexo de titularidade pública dará resposta ás necesidades daqueles nenos, nenas e adolescentes baixo tutela ou en garda da Administración autonómica que precisan dunha atención e duns coidados máis específicos que os axuden no tratamento, intervención e mellora dos trastornos de conduta que presentan.

Política Social reabre o centro de Montelagre tras levar a cabo un amplo programa de mellora do equipamento no que se investiron 1,4 millóns de euros, e que permitiu a renovación das redes de instalacións de subministro e saneamento, a mellora da seguridade contra incendios e o acondicionamento do edificio. Cómpre lembrar que este departamento autonómico iniciou o pasado mes de febreiro, coa publicación no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), a licitación do contrato de xestión do centro por un importe máximo de 3,2 millóns de euros e un período de vixencia ata o 31 de marzo de 2020.

A entidade proposta para a xestión do centro, Diagrama, ten fonda experiencia neste tipo de servizos pois se ocupa de recursos de ámbito social en practicamente todas as comunidades: Canarias, Baleares, Madrid, Asturias, Cantabria, A Rioxa, Aragón, Castela-A Mancha, Castela-León, Andalucía, Estremadura, Murcia, Aragón e Cataluña.

O centro Montealegre pasará a ser o referente en Galicia no ámbito da atención aos menores con problemas de conducta, xa que terá capacidade para realizar un achegamento educativo e terapéutico integral, ademais de cumprir con todas as funcións de acollemento de menores como medida de protección. O obxectivo será facilitar a aprendizaxe de novas condutas positivas e a asimilación de normas sociais básicas coa finalidade do retorno do neno, nena ou adolescente aos centros de atención residencial básicos.  


- Te recomendamos -