Inicio Galicia A Xunta avanza a construción de 18 quilómetros de novas sendas na...

A Xunta avanza a construción de 18 quilómetros de novas sendas na estrada PO-308 para mellorar a seguridade viaria dos veciños de Poio e Sanxenxo

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o inicio do proceso de información pública dos proxectos de sendas previstos entre Fontenla e Combarro e entre Combarro, Chancelas e Samieira, un total de 4 quilómetros e 800.000 € de investimento

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe a forte aposta que a Xunta está a realizar pola mellora da seguridade viaria na estrada PO-308, na que se construirán en total 18 quilómetros de novas sendas nos termos municipais de Poio e Sanxenxo.

Vázquez Mourelle, acompañada do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentou hoxe en rolda de prensa estas actuacións.

A conselleira anunciou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o inicio do proceso de información pública dos proxectos de construción de dúas sendas na PO-308 en Poio, concretamente entre Fontenla e Combarro e entre Combarro, Chancelas e Samieira. Serán, dixo, neste caso, “4 quilómetros de itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe e que suporán un investimento estimado por parte da Xunta superior aos 800.000 euros”.

Detallou que os interesados dispoñen ata o vindeiro 3 de decembro para trasladar as súas observacións e o Goberno galego traballa coa previsión de licitar e iniciar as obras destas sendas ao longo do ano 2019 co obxectivo de que todos os itinerarios programados estean rematados no ano 2020. 


- Te recomendamos -