O orzamento estimado desta actuación supera os 1,3 millóns de euros e nas vindeiras semanas procederase a contratación das obras
A Xunta vén de autorizar as expropiacións para o proxecto de ampliación da calzada nun tramo da travesía de Vilarrodís, á altura do polígono de Sabón, que permitirá incrementar a capacidade e mellorar a fluidez do tráfico no parque empresarial do Concello de Arteixo.
O orzamento estimado da actuación impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, incluíndo as expropiacións das 5 fincas necesarias para a ampliación da capacidade neste tramo da travesía da estrada A Coruña – Cee (AC-552), supera os 1,3 millóns de euros. Nas vindeiras semanas está prevista a licitación do contrato das obras.
O proxecto ten por obxecto a ampliación da calzada da estrada de titularidade autonómica AC-552, no treito entre os puntos quilométricos 9+000 e 9+650, situado á altura do Polígono de Sabón.
A actuación iníciase no punto quilométrico 8+850, antes da intersección coa rúa Teresa De Calcuta, e finaliza no 9+760, na intersección coa rúa Reconquista, antes da glorieta coa Avenida da Ponte. Os traballos consistirán na ampliación da plataforma da vía pola súa marxe dereita para dotar á estrada en sentido Fisterra dun segundo carril mais a correspondente beiravía ou zona de aparcamento.
Para mellorar a seguridade viaria e a fluidez do tráfico na intersección coa travesía da Groufa proxéctase nese cruce unha glorieta que terá un diámetro exterior 36 m.
A obra compleméntase coa instalación dos elementos necesarios para garantir a drenaxe axeitada, de muros para contención de terras e reducir a ocupación nas parcelas colindantes e co traslado e acondicionamento das dúas paradas de bus existentes, executando unha beirarrúa desde os puntos nos que se sitúan ata os pasos de peóns máis próximos.
Esta nova actuación enmárcase dentro das actuacións do Goberno galego a prol da mellora da seguridade viaria, que redundan na mellora da calidade de vida da cidadanía.
- Te recomendamos -