Inicio Galicia A Xunta asinará un convenio de colaboración co concello de Trazo para...

A Xunta asinará un convenio de colaboración co concello de Trazo para a continuación da senda de Chaián, cun investimento autonómico de 150.000 euros

0

O Goberno galego comprométese a financiar a actuación e o Concello de Trazo redactará o documento técnico necesario, contratará e executará os traballos

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2018.- A Xunta asinará un convenio de colaboración co Concello de Trazo para dar continuidade a senda peonil e ciclista no tramo Chaián-A Polveira, cun investimento autonómico de 150.000 euros.

Coa sinatura do convenio, a Xunta de Galicia comprométese a financiar a actuación e o Concello de Trazo redactará o documento técnico necesario, contratará e executará os traballos.

Na actualidade existe unha senda de aproximadamente un quilómetro de lonxitude no tramo desta estrada comprendido entre o límite dos concellos de Trazo e Santiago e o acceso á praia fluvial de Chaián. Esta zona é moi concorrida por peóns pola proximidade de instalacións municipais e pola existencia dunha área ao carón do río Tambre.

A senda foi executada en formigón e dispón de redes de drenaxe, abastecemento e de canalización para a instalación de alumeado nun futuro. A prolongación desta infraestrutura, obxecto do convenio, contempla a construción dunha senda peonil de 700 m que dará continuidade cara o lugar da Polveira ao itinerario existente.

O convenio tamén establece a colocación baixo a senda de redes de drenaxe e abastecemento, e unha canalización para a instalación de iluminación nun futuro. Ademais, ampliarase a estrada na marxe oposta á senda, incrementando a súa beiravía para que a circulación sexa máis cómoda e segura.

O Executivo autonómico continúa a traballar na colaboración cos concellos galegos para dotalos de infraestruturas que melloren a calidade de vida dos cidadáns e fomenten o desenvolvemento económico e social. 


- Te recomendamos -