Inicio Galicia A Xunta asina un convenio con Abanca, BBVA e Caixabank para facilitar...

A Xunta asina un convenio con Abanca, BBVA e Caixabank para facilitar a presentación telemática de avais

0

Este convenio permitirá axilizar a tramitación e aforrar desprazamentos a empresas e particulares, que ata agora tiñan que realizar este trámite de xeito presencial


A Consellería de Facenda e as entidades financeiras Abanca, BBVA e CaixaBank asinaron hoxe un convenio de colaboración para incorporar estas entidades ao proceso de presentación telemática de avais na Xunta de Galicia, o que permitirá reducir custos e axilizar a tramitaciónO convenio foi asinado hoxe en Santiago entre o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e os representantes das tres entidades: o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa; a directora Rexional Noroeste de BBVA, Asunción Álvarez; e a directora da área de Institucións de CaixaBank en Galicia, María Jesús García.

Na actualidade, empresas e particulares presentan cada ano uns 2.000 avais na Administración autonómica. Estes avais constitúen unha garantía en procesos como as contratacións públicas, e ata agora este trámite tiña que realizarse de xeito presencial na Caixa Xeral de Depósitos, ben nos servizos centrais en Santiago de Compostela ou ben nas delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

A única excepción eran os avais outorgados polas sociedades de garantía recíproca galegas (Sogarpo e Afigal), que si veñen presentando de xeito telemático os avais outorgados por ditas sociedades aos seus asociados. Co convenio asinado hoxe, a Xunta estende esta posibilidade aos clientes de Abanca, BBVA e CaixaBank, que en conxunto representan máis do 40% dos avais presentados na Administración galega.

Este convenio de colaboración será de aplicación, entre outros, aos avais outorgados por estas entidades de crédito en procedementos suxeitos á lexislación vixente en materia de contratos do sector público, polo que vai permitir poder integrar este procedemento de presentación telemática na Plataforma de Contratación Pública da Comunidade Autónoma.

O obxectivo da Consellería de Facenda é incorporar ao maior numero posible de axentes a este novo servizo, que redundará nun beneficio para a Administración, para as entidades financeiras e tamén para empresas e particulares, porque facilita e axiliza o procedemento de presentación de avais e garantías ante a Tesourería da Comunidade Autónoma. 


- Te recomendamos -