Feijóo asevera que a axuda se ingresará de oficio a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos, sen necesidade de que a soliciten nin realicen ningún trámite adicional
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación do complemento extraordinario de 206 euros para os perceptores das pensións máis baixas.
Un complemento, dixo, do que se beneficiarán 39.000 galegas e galegos entre perceptores de pensións non contributivas, do Fondo de Asistencia Social e do Subsidio de Garantía de Ingresos Mínimos.
Sobre este punto, Feijóo aseverou que esta axuda se ingresará de oficio a todos os beneficiarios que reúnan os anteditos requisitos, sen necesidade de que a soliciten nin realicen ningún trámite adicional. Ademais, explicou que estes 206€ serán abonados nun único pagamento nos dez primeiros días do mes de xaneiro.
Trátase, incidiu, dun complemento de excepcional importancia polo colectivo ao que beneficia. Nese sentido, o presidente da Xunta lembrou que son poucas as Comunidades Autónomas que aínda manteñen este complemento adicional á pensión non contributiva.
En definitiva, o Goberno galego amosa así o seu compromiso coas persoas que máis o necesitan: pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, persoas anciáns e enfermas con incapacidade para o traballo beneficiarias de axudas periódica e ás persoas con minusvalía que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos, concluíu.
- Te recomendamos -