Inicio Galicia A Xunta aposta por seguir fomentando a presenza feminina nos eidos da...

A Xunta aposta por seguir fomentando a presenza feminina nos eidos da innovación e o emprendemento

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participaron hoxe no acto de entrega dos premios do XVI Concurso de ideas empresariais innovadoras da USC


A Xunta defendeu hoxe a necesidade de seguir fomentando a presenza feminina nos eidos da innovación e o emprendemento, en tanto a igualdade entre homes e mulleres repercute de forma positiva no crecemento económico, na produtividade, na competitividade e na cohesión social.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca; e o director da área de competitividade do IGAPE, Norberto Rey, participaron hoxe no acto de entrega dos premios do XVI Concurso de ideas empresariais innovadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O acto foi presidido polo reitor da institución académica, Antonio López.

O concurso, que conta coa colaboración da Administración autonómica, busca premiar a emprendedores e emprendedoras que presenten ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo. Nel pode participar toda a comunidade universitaria da USC, independentemente das súas áreas de coñecemento. Nesta edición, premiáronse un total de 5 ideas, das que 3 (o 60%) foron presentadas por mulleres.

Neste sentido, cómpre destacar que a igualdade e a innovación son eixos prioritarios das políticas de economía e emprego da Xunta e que a Universidade xoga un papel moi relevante na aprendizaxe das persoas e a nivel social, polo que resulta moi importante a súa implicación en iniciativas como esta, que proxectan unha imaxe de igualdade de efecto multiplicador na sociedade.  


- Te recomendamos -