Inicio Galicia A Xunta aposta por posicionar Galicia como unha plataforma loxística única

A Xunta aposta por posicionar Galicia como unha plataforma loxística única

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliña que o reforzo deste sector, clave para a Industria 4.0, pasa por conxugar a conectividade terrestre e a dixitalización

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou hoxe por posicionar Galicia como unha plataforma loxística única, subliñando que o reforzo do sector, clave para os avances da Industria 4.0, pasa por conxugar a conectividade terrestre e dixital, factores fundamentais á hora de favorecer a competitividade do tecido empresarial.

Así, na súa intervención na mesa de traballo da Estratexia Integral da Optimización Loxística de Galicia, Conde avogou por afondar en cambios como a adaptación ao comercio electrónico; a automatización e a robotización; o big data ou o internet das cousas, que se converten en ferramentas que supoñen unha oportunidade para innovar e crecer.

Tal e como apuntou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, estes avances contribúen a axilizar as entregas, a conseguir un funcionamento máis preciso e eficiente de toda a cadea loxística e de subministración, a facer un seguimento en tempo real da mercadoría ou a aproximarse con máis detalle aos gustos do consumidor.

O sector loxístico, que en Galicia representa o 3,9% do PIB e dá emprego ao 4,5% da poboación, é clave para que continúen avanzando as exportacións galegas, dando cobertura ás necesidades do tecido empresarial. Galicia está a lograr cifras récord, cun incremento dun 9% entre xaneiro e abril, por riba da media española.

O encontro de hoxe, tal e como salientou Conde, serviu para poñer sobre a mesa unha prioridade fundamental para o desenvolvemento da industria loxística en Galicia: a oportunidade irrenunciable que representa a dixitalización para este sector. O conselleiro salientou que a aposta de Galicia é converterse nunha plataforma loxística para todo o noroeste peninsular, e para iso, a Estratexia establece 15 plans de acción a desenvolver nos vindeiros dous anos.

Na súa intervención, o conselleiro fixo referencia a que hai poucas semanas se coñecía que Galicia ten moitas posibilidades de ser incluída no corredor atlántico ferroviario, apuntando que o factor da conectividade representa un elemento de competitividade territorial, e sinalando tamén que, se se están facendo esforzos en materia fiscal, con bonificacións a través dos Concellos Emprendedores; de solo empresarial; e en materia administrativa, a loxística non pode quedar nun segundo plano.


- Te recomendamos -