Inicio Galicia A Xunta aposta por impulsar a formación entre as persoas con discapacidade...

A Xunta aposta por impulsar a formación entre as persoas con discapacidade intelectual para facilitar e mellorar a súa inclusión na sociedade e no mercado laboral

0

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe no acto de concienciación da inclusión laboral Estamos prep@rados organizado por Down Ourense e a Fundación Vodafone

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe no acto de concienciación da inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual Estamos prep@rados promovido por Down Ourense e a Fundación Vodafone España.

O obxectivo desta iniciativa é amosar aos empresarios e á sociedade os beneficios da inserción laboral das persoas con capacidades diferentes a través dos programas de formación e emprego que desenvolven conxuntamente as dúas entidades.

Díaz Mouteira destacou que a formación adaptada ás necesidades do tecido empresarial é un piar fundamental para acadar un emprego inclusivo, sinalando que a Xunta traballa neste ámbito para avanzar no camiño da inclusión na sociedade de todas os galegos e galegas, sen excepción. Neste senso, apuntou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está primando a creación de postos de traballo dos que máis o precisan cunha maior intensidade de axuda para os colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado de traballo.

Así, a través da Axenda 20 está a destinar este ano máis de 13 millóns de euros para apoiar os centros especiais de emprego e ás empresas de inserción laboral, así como para fomentar a contratación de persoas con discapacidade nas empresas galegas.

A delegada territorial indicou que o reto para a Xunta neste ámbito é impulsar a formación entre as persoas con síndrome de Down e con discapacidade intelectual e promover que as empresas ordinarias aumenten a contratación deste colectivo para acadar a plena igualdade.

Marisol Díaz afirmou, ao respecto, que o Goberno galego comparte todos os obxectivos marcados no programa Estamos prep@rados porque considera o emprego como “unha ferramenta esencial” para avanzar no camiño da inclusión, destacando que a formación e a capacitación son tamén piares fundamentais.

Por último, a máxima representante do Goberno galego en Ourense apelou á colaboración de todos os axentes implicados na inclusión laboral dos que máis o precisan como son as administracións públicas, as entidades privadas e as empresas. Neste sentido lembrou que o compromiso da Xunta coa empregabilidade das persoas con discapacidade faise visible na última oferta de emprego público da administración autonómica, que reserva un 15 por cento das 3.448 prazas convocadas para persoas con discapacidade tanto física como intelectual. 


- Te recomendamos -