Inicio Galicia A Xunta aposta por fomentar medidas de conciliación, especialmente nos concellos do...

A Xunta aposta por fomentar medidas de conciliación, especialmente nos concellos do rural

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe o programa “Xogando no verán” en Palas de Rei

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe o programa de conciliación do concello de Palas de Rei “Xogando no verán”, no que participan 95 nenos e nenas.

A Xunta mantén entre as súas prioridades o fomento de medidas de conciliación, especialmente en concellos do rural con fin de que as familias teñan igualdade de oportunidades e de acceso a este tipo de actuacións, con independencia de onde residan.

Co obxectivo de impulsar estas medidas, a Xunta dispón dunha liña de financiamento de Conciliación para concellos, que este ano conta cun orzamento superior a 780.000 euros. En concreto, o Goberno galego destina máis de 6.100 euros ao programa de Palas de Rei, concello co que tamén colabora no mantemento do seu Centro de Información á Muller, que presta atención a Antas de Ulla, Guntín e Portomarín.

Con actuacións como esta, reflíctese a relevancia da colaboración institucional, tanto entre a Xunta e as administracións locais, como tamén entre os propios concellos, sempre co obxectivo de prestar máis e mellores servizos á cidadanía.

Xa para rematar, a secretaria xeral da Igualdade recordou que, en canto á conciliación, o Goberno galego ten sido tamén pioneiro na aprobación este ano do Plan de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, que conta con axudas para fomentar a conciliación nas empresas, nas familias e nas administracións. 


- Te recomendamos -