A Conselleira indica que a inversión de 2,2 millóns de euros na Avenida de Otero Pedrayo mellorará a seguridade viaria nun tramo de 2 km, que coincide co treito máis urbano da estrada autonómica que vai ata A Pobra de Trives
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe en Ourense a aposta do seu departamento por acurtar os prazos das obras de mellora da seguridade viaria e integración urbana das rúas Otero Pedrayo e Seixalbo, nas que se está a investir 3 millóns de euros. Vázquez Mourelle, acompañada polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz, amosou hoxe os avance nas actuacións que se están a impulsar en Ourense, coa remodelación da Avenida de Otero Pedrayo e a mellora integral da estrada autonómica OU-105 ao seu paso por Seixalbo. A conselleira Iniciou a súa visita a cidade supervisando os traballos que se están a acometer na avenida Otero Pedrayo, nun tramo de 2 quilómetros, que coincide co treito máis urbano da estrada autonómica OU-536 que vai ata A Pobra de Trives.
Indicou que con esta intervención a Xunta persegue incrementar a seguridade viaria e lograr unha mellor integración urbana, nun traxecto que destaca pola intensidade do tráfico, ao ser unha das vías de entrada á cidade e atravesar o campus universitario. E subliñou que con esta actuación, demandada e agardada, se dá ademais resposta ás necesidades dos veciños e dos alumnos que veñen cada día ás facultades.
Explicou sobre o terreo as principais actuacións que se están a acometer nas interseccións existentes, coa execución de 2 glorietas. A primeira delas no acceso ao campus norte e á parroquia da Asunción,. E a segunda, no acceso ao barrio da Rabaza, co obxectivo de separar o tráfico que se dirixe a esta parte da cidade do que discorre pola vía de servizo que dá acceso aos comercios e garaxes da zona. Tamén se mellora a travesía, coa dotación e reparación de beirarrúas, con actuacións nas actuais vías de servizo e co reforzo do firme. Ademais reordénanse os aparcadoiros e instálanse semáforos con pulsador para favorecer o paso dos peóns, procedéndose tamén á renovación da rede de abastecemento, actuando non só en superficie.
Segundo sinalou, este ambicioso proxecto no que a Xunta inviste 2,2 millóns de euros, finalízase coa instalación de iluminación led, de maior eficiencia enerxética, e coa colocación de elementos de auga nas glorietas, “reforzando o vínculo de Ourense coa auga, símbolo xa da cidade, coas Burgas e co río Miño”. Unha actuación avanzou, que estará rematada no primeiro trimestre do ano.
A responsable de Infraestruturas Ethel Vázquez recalcou que a esta actuación de reforzo da seguridade viaria e integración na trama urbana se suma a iniciada polo seu departamento a finais deste mesmo mes xullo, que prevé a mellora integral da estrada autonómica que atravesa Seixalbo, a OU-105.
Explicou que neste caso os traballos centraranse na reordenación do tráfico e na mellora da mobilidade peonil nun treito de 1,5 quilómetros, entre a zona do tanatorio e onde finalizan as vivendas. Actúase no acceso principal a Seixalbo, coa construción dunha glorieta e tamén se mellora a intersección coa rúa da Igrexa. Prevéndose na intervención a eliminación do terceiro carril existente, o que ademais de calmar o tráfico permitirá dispoñer de espazo para aparcadoiros e para carrís centrais que faciliten os xiros á esquerda. Segundo salientou, esta intervención presta especial atención á seguridade de usuarios vulnerables, peóns, peregrinos e ciclistas, para o que disporase pasos de peóns, con semáforos con pulsador e con iluminación específica e acondicionaranse as paradas de bus. A actuación tamén permitirá completar beirarrúas e habilitar sendas en ambas marxes do seu treito final, incidindo así na traza do Camiño de Santiago, e cun carril para a circulación de bicicletas. Ethel Vázquez destacou ademais o investimento de preto de 850.00 euros nesta actuación, que permitirá optimizar a circulación de peóns, de ciclistas e de tráfico rodado en Seixalbo, estando prevista a súa finalización para o próximo verán.
Con estas actuación nas rúas Otero Pedrayo e Seixalbo, tal e como subliñou, estase a investir 3 millóns de euros, co obxectivo de incrementar a calidade de vida dos veciños e dotar á cidade “dun contorno urbano máis seguro e coas que estamos a facer cidade”.
- Te recomendamos -