Inicio Galicia A Xunta aposta polo ocio activo no campamento Espiñeira en Boiro

A Xunta aposta polo ocio activo no campamento Espiñeira en Boiro

0

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, visitou hoxe aos 100 nenos e nenas de entre 10 e 12 anos que están a pasar uns días nestas instalacións

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, pasou parte da xornada de hoxe cos participantes no campamento xuvenil Espiñeira en Boiro. Un grupo de 100 nenos e nenas de entre 10 e 12 anos comparten experiencias desde o pasado día 17 ata o 28 de xullo, no que xa é a segunda quenda de rapaces que visitan o campamento este verán.

Durante a súa visita, Cecilia Vázquez puido comprobar de primeira man o amplo abano de actividades que están a realizar estes nenos e nenas: teatro, circo, danza, titiriteiros, monicreques, maxia, ximnasia acrobática, stop motion, orientación e xeocaptura, tiro con arco, lip dub e paint dart.

Este campamento conta con catro quendas de 12 días de duración cada unha que acollerán ao longo do verán a 400 nenos e nenas.

A titular do departamento autonómico salientou que, de novo, a Campaña de verán da Xunta “volve ser un referente en España, ofrecendo á xente nova non só de Galicia senón tamén doutras rexións e mesmo do estranxeiro unha atractiva programación que converte a nosa comunidade nun destino preferente nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro”. Nesta liña, engadiu que a oferta de verán que propón a Xunta ten como finalidade que “a mocidade desfrute participando en actividades de ocio e tamén formativas na procura de que o verán sexa un tempo para divertirse e tamén para o enriquecemento persoal”.

Os campamentos organizados nas instalacións xuvenís da Xunta para menores entre os 9 e os 17 anos de idade ofertan 6483 prazas nun total de 25 albergues e instalacións distribuídos por toda a xeografía galega. Dentro destes campamentos organízanse actividades de ocio educativo e de diferentes temáticas, como actividades náuticas, coñecemento do medio natural, dramatización e expresión cultural, xogos tradicionais ou deportes de multiaventura, entre outras.

Tamén se ofertan outras 315 prazas para que rapaces e rapazas galegos poidan participar en campamentos de intercambio con outras comunidades, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Cantabria. A xente nova destas rexións de España tamén poderán vir a Galicia para participar nos nosos campamentos. Así mesmo, e como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, resérvanse 230 prazas para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos.

Os campamentos de verán da Xunta de Galicia teñen un marcado carácter inclusivo ao reservar un centenar de prazas para nenos, nenas e adolescentes en situación de tutela ou garda da Xunta, outras 52 para fillos e fillas de mulleres vítimas da violencia de xénero e 230 para xente nova con discapacidade. De feito, o campamento Espiñeira de Boiro, conta con dúas quendas para nenos e nenas con discapacidade. A primeira tivo lugar do 1 ao 12 de xullo con cinco nenos e nenas e a segunda desenvolverase do 2 ao 13 de agosto con outros 5 rapaces e rapazas.

Os campamentos de verán forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel. 


- Te recomendamos -