O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou hoxe da resolución destas axudas que van mobilizar 30 millóns de euros e contribuír á creación ou mantemento de máis de 250 postos de traballo
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou hoxe das axudas concedidas en materia de eficiencia enerxética e renovables en empresas, entidades sen ánimo de lucro e na administración local. En total, a Xunta apoiará este ano 434 proxectos que permitirán un aforro na factura enerxética dos beneficiarios de 5,5 millóns de euros ao ano.
Estas actuacións, apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), axudan, segundo Bernardo Tahoces, a incrementar a competitividade do tecido empresarial, así como a reducir os custos nos concellos. En total, destinarase unha axuda pública de 7,75 millóns de euros, que permitirá mobilizar arredor de 30 millóns de euros e contribuirá á creación ou mantemento de máis de 250 postos de traballo. Ademais, estas iniciativas van ter un importante impacto ambiental, permitindo deixar de emitir á atmósfera 25.700 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente á acción de 1.285.000 árbores.
Dunha banda, a través do programa de impulso ás enerxías renovables en empresas, institucións sen ánimo de lucro e administracións locais, desenvolveranse 202 proxectos de instalación de equipos de biomasa, aerotermia, solar térmica e xeotérmica que permitirán reducir as facturas do sector público local e os custos de funcionamento das empresas, así como a redución da dependencia enerxética do sector. Dos proxectos aprobados, 150 deles se desenvolverán no eido da biomasa.
Por outro lado, mediante a convocatoria para impulsar o aforro en industria, servizos e sector agrícola primario, promóvense un total de 232 auditorías, sistemas de xestión enerxética e proxectos de aforro e eficiencia. Nestes últimos, inclúense desde a instalación de plantas fotovoltaicas de xeración eléctrica para autoconsumo, a renovación de maquinaria industrial de proceso e de instalacións auxiliares como compresores de aire ou equipos de frío, instalacións de aproveitamento de enerxía aerotérmica para climatización e proceso, substitución da iluminación por tecnoloxía LED ou a implantación de equipos de medida e sistemas de procesado avanzado de datos asociados a actuacións de optimización do consumo enerxético.
Por sectores, o industrial será o que desenvolva un maior número de proxectos, 106, seguido do agrícola primario con 82 e do sector servizos, con 44.
Os dous programas compleméntase cunha convocatoria específica destinada á implantación de enerxías renovables nos fogares galegos, dotada con máis de 6 millóns de euros e que se atopa neste momento en fase de avaliación de solicitudes.
Tal e como lembrou o director, estas iniciativas enmárcanse nas novas Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020, a través das cales se busca mellorar a calidade de vida dos galegos –mediante o abaratamento dos custos e o aumento da calidade da subministración– e a competitividade do tecido empresarial, apostando pola eficiencia e a potenciación das enerxías renovables de carácter autóctono. A través desta folla de ruta, búscase mobilizar máis de 3000 millóns de euros no sector enerxético ata 2020 e impulsar a creación de 12.000 empregos.
- Te recomendamos -