A conselleira do Mar puxo de relevo a importancia de identificar correctamente a marca Galicia e frear o fraude na etiquetaxe cumprindo coas esixencias que marca a norma
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vigo a importancia de seguir traballando para adecuar os produtos do mar de Galicia á realidade de mercado. Neste sentido, fixo fincapé, na necesidade de “continuar atendendo ao mercado esixente e cambiante afrontando os retos da valorización e a diferenciación dos nosos produtos”.
Así o sinalou durante a inauguración do IV Foro de innovación e tecnoloxía Innovación e biotecnoloxía para un sector mariño e alimentario máis competitivo e sustentable, onde tamén subliñou que o obxectivo da comunidade autónoma galega é “xerar un valor nos mercados acorde cun produto de primeira calidade producido ou capturado no enclave privilexiado que é Galicia”.
Nesta liña, a titular de Mar, puxo de relevo a importancia de “identificar correctamente a marca Galicia e frear o fraude na etiquetaxe cumprindo coas esixencias que marca a norma”. Un obxectivo, engadiu, no que debe primar a sinxeleza na etiquetaxe para facilitar o entendemento rápido aos consumidores, e popularización do peixe e o seu consumo.
Para afrontar estes retos, explicou, “desde 2009 realizamos apostas firmes no eido da transformación e da comercialización”. Así, lembrou que a Xunta puxo a disposición do sector máis de 260 millóns de euros, o que supuxo a revalorización dos produtos galegos en preto dun 40%. Un camiño, sinalou a conselleira, “no que imos continuar”.
Ademais Rosa Quintana expuxo que, para seguir adecuando os produtos galegos á realidade do mercado, a Xunta seguirá traballando para “analizar con maior profundidade as características dos nosos consumidores”. Un cometido, engadiu, que este ano se materializou no crecemento de preto do 40% da partida orzamentaria destinada a mellorar a comercialización, cun total de nove millóns de euros.
Tamén se continuará traballando, sinalou, na mellora das canles de comercialización tradicionais e incipientes, adquirindo novas fórmulas loxísticas e priorizando a compra online. Unha liña á que a Xunta contribúe a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro, para os que este ano se aumentou o orzamento nun 50%.
O terceiro aspecto no que se fará fincapé é o do cambio das formas de primeira venda dos produtos do mar introducindo maior competitividade nas poxas a través da súa dixitalización e acceso online.
O foroEn relación ao foro de innovación e tecnoloxía de Anfaco-Cecopesca, Rosa Quintana, sinalou que é unha referencia para a transmisión de coñecemento científico á industria mariña e alimentaria e para a exposición de propostas prácticas tecnolóxicas novidosas. Ademais, explicou, este evento afonda no desenvolvemento competitivo e sustentable do sector e funciona como foro de debate no que a ciencia, a empresa e a academia “manteñen un diálogo proveitoso para toda a cadea de valor do sector”.
Neste sentido, a conselleira felicitou a Anfaco-Cecopesca “polo seu traballo na organización deste foro e por contribuír excepcionalmente ao fortalecemento do gran motor económico que é para Galicia o sector marítimo-pesqueiro”.
O IV Foro de innovación e tecnoloxía de Anfaco-Cecopesca abordará ao longo do día de hoxe aspectos como a produción sustentable, a seguridade alimentaria, a alimentación saudable, a contorna social ou as tecnoloxías máis novidosas do sector alimentario. Diríxese aos axentes involucrados no desenvolvemento competitivo e sustentable da industria mariña e alimentaria, tanto do ámbito empresarial como académico.
- Te recomendamos -