Esta iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas de entre 16 e 25 anos, tutelados, ex-tutelados, en garda, con medidas xudiciais ou usuarios doutros programas da Administración autonómica destinados á protección de persoas menores de idade
A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, visitou esta mañá a vivenda tutelada de Santiago para mozos e mozas en risco de exclusión social coa que a Xunta de Galicia colabora a través do Programa Mentor.
Este servizo residencial está dirixido a aqueles rapaces e rapazas de entre 16 e 21 anos que estean ou estivesen baixo tutela ou garda da administración pública, suxeitos a medidas xudiciais ou que sexan usuarios doutros programas dependentes de órgano xestor. En determinados casos, coma nos que os usuarios estean a realizar estudos universitarios, poden continuar no programa ata os 25 anos. O obxectivo do programa, que ademais da vivenda tutelada de Santiago pon a disposición dos usuarios outras cinco vivendas ademais doutras dúas de transición á vida autónoma para maiores de idade, é preparar aos mozos e mozas en risco de exclusión social para a vida independente.
No ano 2017 a vivenda tutelada da capital galega acolleu a 13 persoas e na actualidade residen nela 5 mozos e mozas e está previsto unha nova alta no mes de xuño. Esta casa está dividida en catro plantas entre as que destacan catro baños, un aseo, unha cociña-comedor, dúas salas de estar, unha sala de estudo e cinco dormitorios para que os usuarios poidan ter o seu espazo e ao mesmo tempo estancias nas que interactuar co resto de mozos e mozas que habitan a vivenda. “Trátase dun fogar que cubre as necesidades dos mozos e mozas e representa un recurso exemplar neste concello”, afirmou Amparo González. Como parte do proceso de adaptación á vida independente, na vivenda tutelada realízase unha intensa intervención educativa, formativa e de desenvolvemento, que dota aos usuarios de habilidades persoais e sociais necesarias para lograr a emancipación. Ademais, proporciona aos participantes a capacitación para o acceso aos servizos de colocación, de formación e de busca de emprego.
Na actualidade están cubertas 5 prazas que oferta a vivenda e durante a visita a directora xeral escoitou as impresións dos rapaces que viven nela. González subliñou que “desde a Xunta traballamos por un futuro inclusivo e é importante mimar o último paso, a saída do sistema de protección intentando garantir un non retorno á situación de risco de exclusión social”. O Programa Mentor amosa o compromiso de Galicia coas persoas novas que están en procesos de tutela e precisan unha especial atención e sempre apoiaremos a realización deste tipo de programas”, engadiu a directora xeral.
As necesidades que se procuran satisfacer a través do Mentor son promover a integración social e laboral dos participantes, crear as estruturas axeitadas para o acompañamento, formación, emprego e seguimento dos mozos e mozas, preparalos para a vida independente e establecer redes de apoio á inserción por medio da colaboración con entidades públicas ou privadas que desenvolvan accións no marco laboral, formativo ou de atención. Asemade, para lograr os seu obxectivos dende o programa trabállase en catro liñas: formación, inclusión social, educación e desenvolvemento persoal.
Programa MentorO Programa Mentor, considerado boa práctica a nivel europeo, naceu na comunidade autónoma galega no ano 1998 como un programa unicamente de inserción laboral para menores tutelados. Progresivamente foron incrementándose os beneficiarios e obxectivos, sendo agora unha actuación máis integral na que se traballa a capacitación para a vida independente do menor, tanto laboral, como social. Esta iniciativa rexistrou o ano pasado 519 beneficiarios. No marco deste programa, en 2017 accederon a un contrato laboral 120 persoas e outras 333 obtiveron formación.
A Xunta de Galicia destina máis de seis millóns de euros para inserción sociolaboral de mozos e mozas en risco de exclusión a través do Programa Mentor, cun contrato inicial que se prolonga ata o ano 2020. En concreto, no que se refire ao ano 2018, o orzamento do programa é de 1.621.616,20 euros.
- Te recomendamos -