Inicio Galicia A Xunta apoia o Sonrías Baixas de Bueu a través das subvencións...

A Xunta apoia o Sonrías Baixas de Bueu a través das subvencións a festivais e da marca Fest Galicia

0

O encontro, que presentou hoxe a súa 16ª edición, resultou adxudicatario duns 23.500 euros dentro do programa anual de axudas da Agadic a estas citas musicais

O Festival SonRías Baixas presentou hoxe a súa 16ª edición, que se celebrará en Bueu do 2 ao 4 de agosto cunha vintena de grupos e DJs en cartel. O encontro volve contar co apoio da Xunta, que este ano se materializa nunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en distintas accións desenvolvidas a través de FEST Galicia, a nova marca creada para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

Así o explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, na rolda de prensa que tivo lugar no propio recinto do festival e na que tamén participaron Jordi Lorenzo e Berta Domínguez, director artístico e codirectora do SonRías Baixas, así como os representantes do resto de institucións e firmas comerciais colaboradoras. O acto contou, ademais, coas actuacións dos grupos Voodoo e Dakidarría.

Sutil especificou que o festival recibe este ano preto de 23.500 euros a través da liña de axudas da Agadic para este tipo de eventos musicais, dotada con 280.000 euros e da que se benefician outros 11 eventos. Especificou, así mesmo, os apoios complementarios que o SonRías ten en 2018 no marco da nova iniciativa FEST Galicia.

Valores engadidos á experiencia musicalO director da Agadic expresou que, nesta primeira temporada da marca, están asociados a FEST Galicia 10 festivais de verán que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por lle achegar ao público valores engadidos á experiencia musical, tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización.

Neste sentido, explicou que este programa transversal da Xunta ten presenza nos eventos adheridos a través dun espazo propio de difusión, así como de campañas, accións e liñas de traballo en diferentes ámbitos, adaptadas especificamente a cada encontro en colaboración directa con outros departamentos da Administración autonómica, como a Consellería de Medio Ambiente, a Secretaria Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

No caso do SonRías, o ámbito da igualdade centra varias accións, apoiando tanto a programación con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres a todas as categorías profesionais da organización. Así por exemplo, FEST Galicia patrocina a carteleira musical do Casa SonRías, o espazo gastronómico-musical no que o sábado 4 tocará a banda feminina Voodoo, que ofrecerán unha mostra do seu soulk (unha particular mestura de soul e folk) e dará paso a un acústico de Muchachito en solitario e a unha actuación sorpresa. Nas pantallas deste mesmo escenario, proxectaranse as propostas finalistas do I Concurso de Videoclips Galegos SonRías Baixas.

En colaboración directa coa Secretaría Xeral de Igualdade, desde o stand FEST Galicia difundirase, así mesmo, a campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual cun obradoiro para estampar camisetas serigrafiadas co seu lema, que se poderán personalizar con emoticonos.

Este espazo tamén lle dará eco á campaña O galego crea ambiente, creada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover entre o público destes festivais o valor da lingua galega como parte do noso patrimonio, xunto coa cultura e o medio ambiente. Por iso, transmite esta dobre mensaxe, convidando a mocidade a relacionarse de xeito responsable co medio e a facelo, ademais, en galego. O sábado, entre as 13,00 e as 17,00 h., desenvolverase unha acción para buscar a participación e a achega de ideas por parte dos asistentes cara á elaboración do que será o primeiro plan de dinamización da lingua galega na mocidade. O comunicador e cómico Víctor Grande encargarase de recoller opinións e de gravar vídeos selfies co público para a súa difusión na rede.

Pulseiras cashless e estudo de impactoFEST Galicia patrocina as pulseiras cashless do festival, que en 2017 foi o primeiro en empregar este sistema para permitir o acceso ao recinto e para pagar en todos os puntos de comida, bebida e merchandising. Este ano, asemade, as pulseiras permitirán incorporar o control de asistencia continua a través da tecnoloxía RDIF, ofrecendo datos moi útiles para controlar a seguridade do evento e analizar parte do seu impacto.

Esta información virá complementar os resultados do estudo de campo sobre o retorno directo, indirecto e inducido do festival no seu territorio. As medicións e enquisas serán realizadas por un equipo consultor integrado por especialistas do ámbito universitario e terán como resultado un informe de avaliación, que servirá como punto de partida para traballar sobre medidas que redunden nos valores que a marca promove. Nesta primeira edición, FEST Galicia promove tamén estudos dos impactos xerados nos festivais PortAmérica, Resurrection Fest, Sinsal SON Estrella Galicia e Revenidas. 


- Te recomendamos -