Inicio Galicia A Xunta apoia con máis de 2M? a actividade dos centros tecnolóxicos...

A Xunta apoia con máis de 2M? a actividade dos centros tecnolóxicos galegos

0

O importe total das axudas, concedidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, viuse incrementado nun 10% para atender as solicitudes dos nove centros tecnolóxicos e de apoio á innovación rexistrados


O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos de Galicia. O importe total concedido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, ascende a 2.065.000 euros, un 10% máis do previsto inicialmente.

Destas axudas beneficiaranse os nove centros tecnolóxicos galegos e de apoio á innovación tecnolóxica que figuran no rexistro estatal: Anfaco-Cecopesca, Aimen, Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), Clúster de Acuicultura de Galicia (CETGA), Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética (EnergyLab) e o Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua).

O obxectivo é incentivar a transferencia de resultados de investigación, de coñecemento e de capacidades tecnolóxicas dos centros tecnolóxicos ao mercado co fin de acadar un impacto na competitividade das empresas galegas e, así, xerar coñecemento. A distribución das axudas realízase en base a 13 indicadores que valoran a perspectiva financeira, de resultados e de igualdade de xénero de cada centro. Os requisitos de acceso ao financiamento están baseados nestes indicadores de actividade, centrados prioritariamente na capacidade para transferir resultados á empresa e, polo tanto, contribuír de maneira decisiva na competitividade e o crecemento da economía galega.

A través desta liña, a Axencia Galega de Innovación (Gain) leva achegados, entre 2013 e 2018, preto de 12 millóns de euros aos centros tecnolóxicos, contribuíndo así ao seu crecemento. De feito, os resultados publicados neste pasado mes de outubro pola Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), que reúne a seis destes nove centros tecnolóxicos, correspondentes ao período 2014-2017, amosan a boa tendencia no camiño cara a excelencia dos centros tecnolóxicos galegos: os seus ingresos totais medraron nun 38%; o emprego neto, moi cualificado e estable, creceu aínda por riba, en case un 40%; os clientes aos que prestaron servizos experimentaron un crecemento medio dun 4% anual; e os proxectos de I+D+i aumentaron nun 45%.

Estas axudas enmárcanse na Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia co obxectivo de captar financiamento, apoiar o talento galego e impulsar a transferencia de resultados da investigación ao mercado. Súmase a outras iniciativas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que teñen como destinatarios principais os centros tecnolóxicos e de investigación e innovación, como a nova liña de axudas para a adquisición de infraestruturas de investigación de alta calidade nestes centros, a través da que se están a apoiar 11 infraestruturas en 5 centros tecnolóxicos e permitirán a mobilización de 9,8M €.  


- Te recomendamos -