A delegada territorial en Ourense destacou a importancia destas subvencións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao abeiro do plan Leader que contribúen á dinamización do agro
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou hoxe que o grupo de desenvolvemento rural Sil Bibei Navea (GDR8) de Ourense xestionará 1.120.625 euros no bienio 2018-2019 para impulsar 16 proxectos. Fíxoo na visita que realizou as obras de rehabilitación dunha casa reitoral de Parada do Sil que se están a executar grazas ás subvencións que a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, destina aos GDR, ao abeiro do programa Leader.
Díaz Mouteira explicou que con estes fondos a Xunta de Galicia apoia un total de 16 iniciativas que teñen que ver con eidos coma os servizos sociais, a promoción empresarial ou a acción cultural e turística, promovidos por entidades locais ou por particulares e que se desenvolverán nos 10 concellos que integran o GDR8: Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives, Montederramo, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira e Parada do Sil.
Así mesmo, a representante da Xunta fixo fincapé na importancia destas axudas do Leader e no seu enfoque “de abaixo a arriba”, de forma que son os axentes do territorio, tales como asociacións ou concellos, os que determinan onde se debe investir para acadar os obxectivos de crear e soster un agro máis vivo e con mellor calidade de vida. Trátase, en definitiva, de frear a despoboación rural aportando fondos cos que ofrecer alternativas económicas e creando novas zonas de desenvolvemento nesas rexións.
Aloxamento rural e restauranteA delegada territorial supervisou as obras que se están a executar nunha casa reitoral da parroquia de Santa María en Parada do Sil co obxecto de destinala a establecemento de turismo rural de seis cuartos dobres e restaurante de dous garfos. O obxectivo é abordar un proxecto de aloxamento rural destinado a un público familiar que desexe un turismo de natureza e gastronómico.
Esta iniciativa suporá un investimento total que supera os 441.000 euros, cunha achega de 200.000 euros xestionados pola asociación Sil Bibei Navea.
- Te recomendamos -