O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a iniciativa terá unha duración dun ano e centrarase nos perfís profesionais máis demandados polo sector da hostalería
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 250.000 euros ao programa integrado de emprego DIMO IV, promovido pola Asociación de empresarios de hostalería de Lugo (Apehl) do que poderán beneficiarse 100 persoas desempregadas da provincia.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do presidente e secretario desta entidade lucense, José Francisco Real Castro, presentaron esta iniciativa que combina unha fase de asesoramento e orientación profesional personalizada e outra posterior de formación e prácticas en empresas.
A iniciativa busca incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas, en particular, daqueles colectivos en situación de exclusión social ou risco de padecela, e tamén de persoas, con disposición para traballar, pero que se atopan con algunha dificultade engadida para atopar emprego, como pode ser a carencia de competencias persoais ou profesionais (formación)Compromiso de inserción e prácticas en empresasUnha das características máis salientables destes programas integrados de emprego é que levan aparellado un compromiso mínimo de inserción laboral do 30%. A media de inserción acadada a través dos programas integrados emprego impulsados pola Xunta nos últimos anos é do 40%. Ademais, neste caso concreto, polo menos 30 participantes realizarán prácticas laborais durante tres meses en empresas asociadas ao programa e colaboradoras ou socias da Apehl.
Asesoramento, formación O programa combina unha fase de asesoramento e orientación profesional particular, con outra fase posterior de formación e prácticas en empresas. A selección inicial das persoas beneficiarias corresponde ás oficinas de emprego, polo que os interesados poderán informarse nelas ou ben dirixirse á propia Apehl, que dispón dunha bolsa de emprego propia.
Na fase de asesoramento, o equipo técnico e de orientación elaborará, en conxunto cos participantes, un itinerario de inserción laboral personalizado, e facilitarán os medios máis axeitados para capacitalos e que poidan afrontar con éxito a busca de emprego.
Pola súa banda, a fase de formación desenvolverase, en primeiro lugar, con accións transversais, que permitan aos participantes adquirir unha serie de competencias comúns: coaching laboral, técnicas de busca activa de emprego e de habilitades sociais e outras máis específicas para o sector da hostalería e turismo como idiomas, manexo de novas tecnoloxías, manipulación de alimentos, etcétera.
Tamén se formarán nos perfís profesionais máis demandados pola hostalería lucense (camareiros de pisos, camareiros de sala, camareiros de barra, axudantes camareiro, e axudante de cociña) O programa achegará a formación específica e os módulos necesarios para obter o correspondente certificado de profesionalidade na especialidade de Axudante de Restaurante-Bar.
O programa Dimo IV desenvolverase desde hoxe mesmo ata o 14 de novembro de 2019. Para a execución das accións programadas contarase con persoal especializado da Apehl e o apoio das oficinas de emprego da Xunta.
- Te recomendamos -