Esta intervención está enmarcada na liña de axudas da Consellería de Cultura e Turismo para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o miradoiro de Fumaces, no concello ourensán de Riós onde o Goberno galego investiu preto de 21.000 euros para a súa posta en valor como recurso turístico da zona.
Díaz Mouteira acompañada do alcalde do municipio, Francisco Armando Veiga, supervisou os traballos executados para a recuperación deste miradoiro paisaxístico emprazado entre a estrada N-525 e a autovía A-52 que contribuirá a potencialo como reclamo turístico, ao tempo que permiten o mantemento dos seus accesos en óptimas condicións de seguridade para os seus visitantes. Así, a actuación consistiu na roza de monte baixo coa fin de explanar o terreo, a apertura de accesos, colocación dunha varanda de protección e a instalación de mobiliario urbano.
Os traballos realizáronse ao abeiro da liña de axudas que a Consellería de Cultura e Turismo destina para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural. Marisol Díaz lembrou que este ano, ao abeiro desta liña de subvencións, se concederon axudas por un importe de preto de 676.000 euros a un total de 25 entidades locais da provincia de Ourense co obxectivo de mellorar a accesibilidade física e á sinalización dos seus recursos turísticos coma os espazos naturais, os miradoiros e as rutas de sendeirismo, as praias fluviais ou os bens culturais.
- Te recomendamos -