Estas subvencións, dotadas en 2018 con 450.000 euros, contribúen ao desenvolvemento de 538 actuacións e accións de promoción internacional
A Xunta de Galicia adxudicou este ano 450.000 euros en subvencións para actividades de distribución nas industrias culturais, a través das que se apoia a presenza da cultura galega en diferentes localidades españolas e doutros 23 países. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación completou a concesión destas axudas coa publicación da segunda e última quenda de adxudicacións no web www.agadic.gal/axudas.
As contías aprobadas destínanse a cofinanciar os gastos asumidos por empresas culturais galegas no desenvolvemento de 538 actuacións escénicas, concertos e accións de promoción en Alemaña, Austria, Bélxica, Brasil, Canadá, Colombia, Cuba, Dinamarca, Ecuador, Estados Unidos, Francia, Grecia, Guatemala, Holanda, Reino Unido, Israel, Italia, México, Perú, Polonia, Portugal, Suecia e Suíza, ademais de en Galicia e no resto de España.
Xiras estatais e internacionaisDo total do orzamento adxudicado, arredor de 320.000 euros invístense en espectáculos ofrecidos por compañías escénicas e de grupos de música galegos nas súas xiras estatais e internacionais.
No caso da música, nesta listaxe atópanse, entre outros, os concertos realizados este ano por Anxo Lorenzo en Bélxica, Francia, Holanda, Reino Unido, Toledo e Madrid; Alfonso Franco e o cuarteto Dadga en México; Carlos Núñez en Alemaña, Canadá, Estados Unidos, Francia, Italia e unha quincena de escenarios españois; Caxade en Cataluña; Galicia Fiddle en Reino Unido; Guadi Galego en Portugal, Asturias e Comunidade Valenciana; Luar na Lubre en Bélxica, Francia, Gran Bretaña e numerosas cidades españolas; Radio Cos en Bélxica, Polonia e Burgos; O Sonoro Maxín e Os D’Abaixo tamén en Cataluña; Pelepau en Madrid; Rodrigo Romaní en Francia; Roi Casal en Brasil e Suíza; Son de Seu en Portugal, Baleares e Castela e León; Susana Seivane en Francia e Cataluña; Uxía en Austria, Estados Unidos, Francia, Portugal, Reino Unido e Murcia; e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Bélxica, Holanda, Suecia, Andalucía, Castela e León e Madrid.
Así mesmo, contribúese ao desenvolvemento das xiras estatais de Agoraphobia, Fernando Barroso, Pasajero, Novedades Carminha, Odaiko, Samuel Diz, Sumrrá e Xoel López.
Danza e teatroTamén cómpre destacar a presenza exterior de formacións escénicas, como as de danza Entremans en Canarias e Valencia; Javier Martín en Ecuador, Guatemala, México e Portugal; La Macana no País Vasco e Canarias; Las Tricotouses en Andalucía, Aragón, Madrid e País Vasco; Mikel Aristegui na Comunidade Valenciana; Nova Galega de Danza en Italia, Israel e Cataluña; Paula Quintas en Cataluña; e Pisando Ovos en Portugal.
En teatro, apóianse as representacións de Cinema Sticado en Suíza; El Retrete de Dorian Grey en Alemaña, Dinamarca, Grecia, Andalucía e País Vasco; Elegante Elegante en Portugal; Gustavo del Río en Perú; Producións Teatráis Excéntricas en Portugal; Teatro Ensalle en México, Estremadura, Madrid, País Vasco e Valencia, así como as xiras estatais de Caramuxo Teatro, Baobab Teatro, Galitoon, Ibuprofeno Teatro, Matarile Teatro, Os Monicreques de Kukas, Os Náufragos Teatro, Títeres Alacrán, Títeres Cachirulo e Voadora. Ademais, tamén recibiu subvención a compañía de circo asSircópatas para actuar en Italia.
Mercados profesionaisUnha das modalidades desta liña de axudas subvencións está dirixida especificamente a colaborar coa actividade promocional das empresas culturais galegas nunha vintena de mercados internacionais en países como Alemaña, Colombia, Cuba, EE.
UU., Francia, Portugal ou Suíza, dedicados principalmente aos sectores da música, o audiovisual, o teatro e a arte contemporánea.
Estas subvencións inclúen, así mesmo, unha cuarta categoría para actuacións escénicas dentro de Galicia, mediante a que se subvencionan 81 funcións en 40 localidades das compañías Contraproducións, Malasombra Producións, Producións Teatráis Excéntricas, Redrum Teatro, Somos Criminais, Teatro do Noroeste e Sarabela Teatro.
- Te recomendamos -