O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, gabou a iniciativa, que pon a guinda ás distintas accións de difusión deste produto impulsadas pola Organización de Produtores Pesqueiros e ABSA
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, amosou o apoio da Xunta á campaña “Merluza de Burela no Nadal”, que promoven a Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo e Armadores de Burela S.
A (ABSA) e consistirá na distribución de 600 racións de pescada do pincho de Burela entre os centros de maiores da Mariña.
Balseiro, delegado da Xunta de Galicia en Lugo, e Pablo Fernández Asensio, Xefe Territorial da Consellería do Mar, visitaron a lonxa de Burela para coñecer os detalles desta iniciativa da man de Abelardo Basanta e Miguel Neira, presidente e xerente de Armadores de Burela; e Juan José Otero e Sergio López, presidente e xerente da OPP de Lugo.
Os promotores repartirán a pescada en oito centros, dos cales un é titularidade da Xunta de Galicia, en concreto a Residencia de Maiores de Burela. Os outros son residencias, apartamentos tutelados e vivendas comunitarias situadas en Foz, Mondoñedo, O Valadouro, Viveiro, Xove, A Pontenova e Ribadeo.
As racións de pescada do pincho de Burela repartiranse entre este sábado 29 e o luns 31 de decembro e será entregada tal e como demandaron desde cada un dos centros: pezas enteiras ou cortadas en lomos, filetes ou rodaxas.
A trazabilidade do produto está garantida grazas ao etiquetado, que achegou de forma desinteresada a empresa Pescados Rubén, que tamén colabora coa campaña.
O delegado gabou esta iniciativa social que “pon a guinda a unha intensa campaña de promoción desenvolvida pola OPP e ABSA para dar a coñecer este produto de extraordinaria calidade que tamén sae da lonxa burelense”.
No mesmo sentido, Sergio López sinalou que “a merluza do pincho é a principal especie comercializada na lonxa de Burela, tanto en descargas como en ventas. Desde a OPP Lugo e ABSA acordamos doar unha partida desta principal pesquería como unha bonita acción social”.
No marco da programación de difusión levada a cabo pola OPP e ABSA, tamén se elaborou un calendario para o ano 2019 con receitas de cociñeiros do grupo Nove, ademais de intensificar a súa presencia nos medios de comunicación e nas redes sociais.
- Te recomendamos -