Inicio Galicia A Xunta apoia 36 empresas no establecemento de contactos comerciais na Feira...

A Xunta apoia 36 empresas no establecemento de contactos comerciais na Feira Seafood de Bruxelas

0

Rosa Quintana destacou que a presenza nas feiras sectoriais favorece o impulso das exportacións dos produtos pesqueiros de Galicia e a expansión das empresas galegas en novos mercados

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe na feira Seafood de Bruxelas a importancia da presenza de Galicia neste evento, xa que, subliñou, é un escaparate para a promoción dos produtos do mar da nosa comunidade e un trampolín para a expansión das empresas galegas. De aí, explicou, o apoio da Xunta ás 36 entidades que alberga no posto co que está presente neste certame, dedicado exclusivamente a profesionais da pesca. Este apoio, subliñou a conselleira, esténdese a outras empresas galegas que acoden de xeito independente e que foron acadando madurez e autonomía suficientes para expandirse, un aspecto ao que contribúe a presenza nestas feiras sectoriais. Sinalou ademais que a participación nestes eventos tamén favorece no impulso ás exportacións dos produtos pesqueiros de Galicia, que no 2017 superaron a barreira dos 2.000 millóns de euros, e a posta en valor da pesca fresca, un eido no que o ano pasado se superaron os 508 millóns de euros de facturación na nosa comunidade autónoma.

Neste sentido, incidiu en que a Seafood de Bruxelas é un escenario idóneo para difundir este potencial de Galicia a nivel internacional pois reúne cada ano a máis de 28.000 visitantes e nesta edición conta con arredor de 1.880 expositores de preto de 80 países. Nela Galicia está presente cun posto de 450 m2, distribuído en dúas illas nas que alberga ás empresas coexpositoras.

Esta presenza en feiras nacionais e internacionais, lembrou Rosa Quintana, é unha das liñas de actuación da Xunta para dotar de valor os produtos do mar de Galicia, introducilos en novos mercados e axudar ás empresas a expandir a súa actividade. Así a Seafood é unha das 12 feiras de produtos do mar nas que ten previsto participar a Xunta ao longo do ano. Nela, ademais de facer un percorrido polos postos das empresas galegas, Rosa Quintana visitará xunto co comisario de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca da Unión Europea, Karmenu Vella, as empresas que se promocionan no pavillón de España.

Estudo PrimeFishTamén no marco da feira Seafood a conselleira participou na presentación das conclusións do informe sobre os hábitos dos consumidores de peixe do proxecto PrimeFish, no que participa o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar. Alí valorou a importancia do labor do Cetmar neste proxecto, xa que nel se están a obter conclusións de gran valor para as empresas. Información, sinalou, que serve de apoio na toma de decisións e á hora de lanzar novos produtos ao mercado, expuxo Rosa Quintana. De aí, incidiu, a importancia da súa presentación na feira Seafood de Bruxelas na que están presentes numerosas empresas internacionais do mundo do mar.

Entre as conclusións dos estudos deste proxecto, que centra a súa análise en cinco mercados europeos, destaca que a saúde é o principal motivo de consumo de peixe para os europeos. Del tamén se desprende que os consumidores están dispostos a pagar máis por produtos que promocionan características como a sustentabilidade. Neste sentido, a conselleira do Mar sinalou que esta é unha característica que a Xunta busca difundir dos produtos galegos a través de distintivos como o selo de calidade pescadeRías.

Outros aspectos que máis valoran os consumidores europeos son o prezo e apariencia xeral do produto. Ademais, en relación aos consumidores españois, o estudo do PrimeFish identifica seis segmentos de consumidores. O máis numeroso é aquel que se informa da orixe e trazabilidade do peixe, un eido, subliñou a titular de Mar, no que Galicia é punteira grazas á Plataforma Tecnolóxica da Pesca e á rede de caixeiros TICPESC.

O consorcio PrimeFish vén traballando desde 2015 en compilar e analizar información precisa sobre os produtos do mar europeos nos mercados de España, Alemaña, Francia, Italia e Reino Unido. Conta con financiamento do programa europeo Horizonte 2020 e os seus socios traballan estreitamente con representantes de 40 organizacións dos sectores da pesca e a acuicultura e cos consumidores.


- Te recomendamos -