A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede axudas por máis de 527.000 euros para apoiar a creación de novas empresas ou a consolidación de compañías nos primeiros 42 meses de funcionamento
A Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu axudas por un importe de 527.478 euros para apoiar 16 iniciativas empresariais de emprendedores ou autónomos na provincia de Pontevedra ao abeiro do programa Galicia Emprende 2018. Os proxectos aprobados prevén a mobilización de máis de 1,7 millóns de euros en investimentos e localízanse nos concellos de Tui, Salvaterra, Cangas, Vilaboa, Ribadumia, Gondomar, O Porriño e Vigo.
As iniciativas apoiadas abranguen actividades do sector industrial como a impresión de artes gráficas; do agroalimentario, como unha adega; do industrial, como un centro de reparación naval, e dos servizos, como un centro de autoterapia, un centro adaptado de rehabilitación e terapia e unha escola hípica.
A falta da resolución da segunda convocatoria do programa, que se publicará o próximo mes de xaneiro, o investimento medio por proxecto apoiado na que se vén de aprobar é de preto de 33.000 euros. Preto do 44% das iniciativas corresponden a autónomos, sendo o resto impulsadas por sociedades mercantís.
Esta liña de axudas está deseñada para impulsar a posta en marcha de proxectos de nova creación e para a consolidación, durante os seus primeiros 42 meses de funcionamento, de iniciativas empresariais de emprendedores ou autónomos. Poden solicitar o apoio do Galicia Emprende iniciativas con investimentos comprendidos entre os 25.000 e os 500.000 euros.
Entre as iniciativas de maior dimensión aprobadas nesta convocatoria na provincia de Pontevedra figura a creación en Gondomar (Pontevedra) dunha escola hípica de equinoterapia; a posta en marcha dunha adega, na que se elaborará, procesará e comercializará viños da D.
O. Rías Baixas, en Ribadumia (Pontevedra); a remodelación dun local hostaleiro en Vigo (Pontevedra); ou a renovación tecnolóxica dunha empresa de impresión 3D.
O programa Galicia Emprende compleméntase co Galicia Rural Emprende, deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas sobre o territorio. O orzamento destinado pola Xunta ao emprendemento en 2018 ao abeiro de ambas iniciativas suma, como no ano anterior, 7,5 millóns de euros no conxunto de Galicia.
Con estes dous programas, en 2017 o Goberno galego apoiou 162 proxectos empresariais de emprendedores que mobilizaron máis de 18 millóns de euros en novos investimentos e que levan asociada a creación e o mantemento de 385 postos de traballo. Os apoios ao emprendemento refórzanse coa activación dos instrumentos financeiros emprendedores (IFIs), que se sumaron aos préstamos participativos ou o capital risco que ven ofrecendo XesGalicia a través do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras.
- Te recomendamos -